Ir o contido principal

A xestión dos recursos humanos nas oragnizacións deportivas, a debate en Lugo nun foro estival da USC

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logo da Universidade de Verán 2017 da USC

A xestión dos recursos humanos nas organizacións deportivas’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 3 ao 7 de xullo na Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus Terra da USC. Estruturado en 25 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido por María Teresa Hermo López.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC pasan por ofrecer aos participantes coñecementos relacionados coas organizacións e equipos deportivos no entorno dos Recursos Humanos e as Relación Laborais. Daquela, ao longo dos diferentes relatorios programados analizaranse as bases conceptuais sobre grupos e equipos, comunicación, xestión e a temática xurídica e laboral na que se desenvolven.

O programa deste seminario estival da USC inclúe asemade a visita ás instalacións deportivas do CB Breogán e do CB Estudiantes Lugo, ao tempo que tamén está prevsita a celebración de relatorios sobre motivación e liderado nas organizacións deportivas, así como outras sesións de carácter práctico.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 23 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2017.