Ir o contido principal

Unha xornada de divulgación en Psicoloxía dará conta das particularidades do proxecto Talento 3.0

O proxecto propón un modelo de intervención propio para Galicia que pretende potenciar o talento nas aulas

A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC e a Fundación Barrié impulsan o proxecto Talento 3.0, un modelo de intervención propio para Galicia que pretende potenciar o talento nas aulas a través da mellora das habilidades dos docentes de primaria e secundaria como facilitadores da aprendizaxe que, deste xeito, poderían atender máis eficazmente a diversidades e deseñar programas dos que se beneficie toda a clase. A vindeira semana están previstas un ciclo de actividades de presentación para dar a coñecer o proxecto, especialmente dirixidas a profesorado e público xeral. A primeira celebrarase o luns 28 na sede da Fundación Barrié e o martes 29, xa en Compostela, celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía a partir das 12.00 horas. A charla terá o talento como tema central e profundará tamén nas particularidades do programa desenvolvido pola Unidade universitaria. Tamén están previstas sesións similares en Ourense, o martes 29 ás 18.00 horas no Colexio Maristas, e en Vigo o mércores 30 ás 17.30 horas na sede da Fundación Barrié. Talento 3.0 baséase nun estudo de campo realizado en 2013 en catro prácticas de referencia a nivel mundial en formación do profesorado, todas elas en universidades de Estados Unidos: Virxinia, Connecticut, Johns Hopkins e Harvard. O equipo de investigación encargado é o dirixido pola profesora de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Carmen Pomar, experta na formación en altas capacidades. David Gómez López é o investigador e docente deste departamento que desenvolveu a estadía nas catro universidades norteamericanas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2014.