Ir o contido principal

XuvenCiencia lanza o proxecto ‘Convivio de Ciencia’ cun campus para docentes de ensino medio na EPS de Enxeñaría

Cartaz do proxecto Convivio de Ciencia
Cartaz do proxecto Convivio de Ciencia
As xornadas programadas para os días 14 e 15 de outubro son o primeiro chanzo dun proxecto liderado por Marta López Alonso e apoiado pola FECYT que busca achegar a I+d á comunidade educativa preuniversitaria a partir dos kit de experimentación de XuvenCiencia, ademais de tecer unha rede galega de cultura científica
Lugo

O grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC celebrará os días 14 e 15 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría un campus para profesorado de ensino medio ao abeiro do proxecto ‘Convivio de ciencia’, unha iniciativa liderada pola profesora da Facultade de Veterinaria Marta López Alonso e que vén de recibir o respaldo da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

Estruturado en tres sesións presenciais, programadas ao longo de dúas xornadas, o campus de profesorado Convivio está inspirado na experiencia acadada tras organizar durante dez anos campus científicos nos que participaron máis dun milleiro de adolescentes de Galicia, España e Portugal. Neste caso, o profesorado de ensino medio inscrito, ao que tamén se lle ofrece manutención e aloxamento, no caso de non residir en Lugo, terá a oportunidade de mergullaranse nun proxecto científico a partir dun dos sete kits de experimentación XuvenCiencia.

Os contidos do Campus Convivio, que computará para o profesorado como unha actividade de 12 horas presenciais máis 7 non presenciais, xiran arredor de tres bloques temáticos, tal e como son o método científico e a práctica investigadora na aula, as metodoloxías e ferramentas para a realización de proxectos de investigación e as metodoloxías e ferramentas para a presentación de estudos científicos. A achega destes novos recursos educativos impártese a través do Programa de Formación Permanente que lle ofrecen os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao profesorado de ensino medio de toda Galicia.

O profesorado participante recibirá, ademais da formación en metodoloxía investigadora, o kit de experimentación que elixa para o seu centro. Polas súas características, os dispositivos creados por XuvenCiencia poden ser útiles para impartir diversas materias de ESO, BAC e FP básica, ciclos medios e superiores. Asemade, as prestacións destes kits resultan tamén acaídas para STEMBach e clubs de ciencias e para tratar aspectos educativos transversais, sinalan desde este grupo de innovación docente.

Unha rede galega de cultura científica

O proxecto contempla a creación dunha rede de cultura científica integrada polos institutos e colexios dos docentes participantes, que terán o cometido de deseñar un proxecto co seu alumnado a partir da formación recibida no Campus Convivio e empregando o kit XuvenCiencia como ferramenta. Os mellores destes proxectos serán presentados nun simposio que se celebrará en Lugo na primavera de 2023. Ata esa cita, a Rede Convivio manterase viva grazas a sesións mensuais, de carácter informal ou telemáticas, a imaxe dos lean coffees, que servirán para estreitar ligazóns cos centros e tamén a xeito de titorías virtuais.

A posta en marcha dunha revista científica virtual na que se irán expoñendo as investigacións, o desenvolvemento do proxecto e os seus resultados, será a cuarta parta deste proxecto Convivio de Ciencia. Daquela, o Magacine Convivio, permitirá ao alumnado ver como os seus proxectos son postos en valor e tidos en conta, ao ser publicados nunha web en aberto para a comunidade educativa e o gran público.

Experimentos enraizados na contorna

O estudantado que se implique en Convivio de Ciencia terá a oportunidade de desenvolver en equipo un proxecto de indagación enraizado na contorna na que viven e ligados á temática dos kits XuvenCiencia. O kit DNA-MEAT determina se unha carne é de porco ou tenreira mediante un test xenético e Fotometrix detecta a cantidade de proteína do leite a partir da técnica de Lowry, por exemplo. Vitroplant axuda a comprender o proceso da recuperación de bosques de frondosas, mentres que AquaLab monitoriza variables ambientais para unha xestión sostible da auga e Animal CSI ofrece destrezas para abordar a saúde dos animais. O kit Photonics Explorer dá conta das aplicacións das tecnoloxías da luz en comunicación e investigación da contorna. E o kit RescueMe fai visible a aplicación da metodoloxía científica ás ciencias sociais e humanidades e, en concreto, á recollida da memoria.

Un equipo multidisciplinar

A profesora da Facultade de Veterinaria Marta López Alonso lidera o equipo promotor do proxecto Convivio de Ciencia, un grupo multidisciplinar integrado por persoal docente e investigador das facultades de Veterinaria, Ciencias, Humanidades e da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, co que tamén colabora profesorado preuniversitario dos CPI de San Román de Cervantes e Uxío Novoneyra, do Courel.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2022.