Ir o contido principal

A XXII edición do Festival de Jazz de Lugo levanta o pano na Casa do Saber coa fusión flamenca de Kind of Cai Trío

Kind of Cai Trío actúan o luns 12 ás 20.00 horas na Casa do Saber, dentro do XXII Festival de Jazz de Lugo
Kind of Cai Trío actúan o luns 12 ás 20.00 horas na Casa do Saber, dentro do XXII Festival de Jazz de Lugo
O concerto será o luns 12 a partir das 20.00 horas e está organizado en colaboración coa Área de Cultura da USC no Campus de Lugo

A Área de Cultura da USC no Campus de Lugo participa na programación da XXII edición do Festival de Jazz de Lugo cun concerto do trío gaditano Kind of Cai. A cita é na Casa do Saber o luns 12 a partir das 20.00 horas, e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala. Este concerto desenvólvese en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE). Kind of Cai Trío é unha banda formada por Carlos Villoslada (saxo tenor), Luis Balaguer, (guitarra) e David León (percusión) que se caracteriza pola fusión do jazz clásico con ritmos flamencos. O grupo formouse en 2009 con motivo do 50 aniversario do álbum Kind of Blue de Miles Davis, cunha versión flamenca deste mítico álbum, referencia histórica do jazz e considerado unha obra mestra do xénero. A formación, composta de músicos de jazz e de flamenco, pon de manifesto a conexión entre estes dous estilos a través da música de Davis. A edición 2012 do Festival de Jazz de Lugo reúne entre o 12 e o 17 de novembro na capital lucense grupos e artistas como Last Minute Experience, Martín Blanes, Pilc-Moutin-Honeig, Bill Evans Soulgrass Band, The New John Abercrombie Quartet, Kike Perdomo Quintet ou Wallace Roney Group, que actuarán en espazos como o Círculo das Artes, o auditorio NovaCaixaGalicia ou o club Clavicémbalo. Os estudantes universitarios terán un 50% de desconto nos concertos de pago. Concerto de Malvela o xoves 15 A Área de Cultura da USC no Campus de Lugo organiza tamén para o xoves 15 o concerto do grupo de música tradicional galega Malvela, que presenta a partir das 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire o seu último traballo, Raianas. Esta actuación supoñerá o peche do ciclo ‘Lubicán’ do programa Lugo Cultural 2012, no que ademais da USC participan tamén o Concello e a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2012.