O XXII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas analiza o estado actual da investigación neste eido

Os días 10 e 11 de outubro celebrarase na Illa de A Toxa o XXII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) cuxa finalidade é actualizar o coñecemento do estado dos recursos mariños e da acuicultura en Galicia e o resto do mundo, favorecendo o contacto entre centros de investigación, empresas e institucións públicas, tanto nacionais como internacionais. Os detalles do evento presentáronos este mércores 29 en rolda de prensa a vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro; a subdirectora xeral de Acuicultura da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Suárez, e o presidente do Foro e profesor da USC, Manuel Rey Méndez.
O evento reúne a representantes do sector, tanto de empresas como de profesionais do mar e persoal investigador procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas, quen xunto con técnicos e persoal experto doutros países achegan diferentes visións e experiencias de grande interese colectivo para este ámbito de actividade e investigación. O evento, que inclúe a publicación anual das intervencións e traballos que se presentan no Foro, conforma un foro considerado por especialistas deste ámbito como o máis atractivo dos que anualmente se celebran en España.
A edición de 2019 do Foro dedicará un especial recoñecemento ao Instituto de Investigación Mariñas-CSIC (IIM), dando continuidade ao realizado o pasado ano ao IEO, para salientar o traballo que esta institución desenvolve en relación cos recursos mariños e a acuicultura. O programa do encontro celébrase na Illa da Toxa coincidindo coa festa do Marisco do Grove.
Programa
O programa arrancará cunha presentación do IIM de Vigo da man do seu director, Francisco Saborido Rey, e completarase cunha mesa redonda na que se presentarán distintas liñas de traballo que desenvolve este centro de investigación do CSIC en relación á relación do clima cos recursos mariños, novos retos na acuicultura do mexillón ou sobre o problema dos descartes en Europa. Completando esta sesión matinal celebrarase unha mesa redonda sobre marisqueo e pesca de baixura, para continuar pola tarde coa presentación de distintos relatorios agrupados nos bloques temáticos dedicados á acuicultura e á empresa e recursos.
A segunda xornada estará dedicada á análise dos efectos do Brexit con dúas mesas de debate sobre a súa incidencia específica na pesca e na acuicultura. José Joaquín Hernández Brito, director executivo do Atlantic International Research Centre (AIR-Centre), pronunciará a conferencia maxistral titulada ‘A investigación mariña no océano Atlántico’. O programa botará o peche coa entrega do XV Premio ao mellor panel.