Skip to main content

O Campus Terra destaca no último Ránking de Shanghai

O labor académico do Campus Terra foi recoñecido en catro áreas de coñecemento
O labor académico do Campus Terra foi recoñecido en catro áreas de coñecemento
Enxeñaría e Ciencias Medioambientais, Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía, Veterinaria e Ciencias Agrícolas foron as áreas educativas e de coñecemento salientadas
Lugo

A especialización, innovación, calidade e excelencia académicas son os piares fundamentais sobre os que a filosofía formativa do Campus Terra se asentou dende o seu nacemento. O Ránking de Shanghai vén de avalalo coa publicación da súa última clasificación, na que designa cales son as mellores universidades do mundo. 

Isto propiciou que hai uns días, todas as miradas do ámbito universitario global estiveran postas nesta listaxe publicada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), coñecido popularmente polo nome de Ránking de Shanghai. Cada ano clasifica as mellores 1.000 universidades a nivel global das máis de 25.000 existentes, atendendo ao seu labor no eido da investigación.

Nesta ocasión, o recoñecido traballo do Campus Terra en catro áreas de coñecemento distintas contribuíu a que a USC se situara entre as 600 mellores universidades do mundo, subindo así un chanzo con respecto ao ano pasado.

No referente á rama de Enxeñaría, as áreas subliñadas foron Enxeñaría e Ciencias Medioambientais, colocada no intervalo 301-400 e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía, situada no chanzo 151-200. Pola súa parte, as áreas educativas salientadas dentro da rama de Ciencias da Vida foron Veterinaria, emprazada entre as posicións 101 e 150, e Ciencias Agrícolas, asentada no rango 201-300. 

Estes resultados non constitúen unicamente un recoñecemento, senón que son testemuña do compromiso do noso campus de especialización con aqueles valores que nos distinguen. 

A metodoloxía do Ránking de Shanghai por áreas de coñecemento

Na súa listaxe, o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) inclúe 1.900 universidades das 5.000 analizadas, e abrangue 55 áreas educativas pertencentes a cinco ramas de coñecemento: Ciencias Naturais, Enxeñaría, Ciencias da Vida, Ciencias Médicas e Ciencias Sociais. 

Estas son avaliadas utilizando cinco indicadores académicos obxectivos: o nivel de produción de publicacións (Q1), a súa calidade (Top), a súa influencia e impacto no referente ao número de citas de cada artigo (CNCI), o grao de colaboración internacional (IC) e a recepción de galardóns académicos a nivel global (Award).  

Así, as áreas do Campus Terra listadas polo Ránking de Shanghai destacan nos indicadores CNCI e IC, con puntuacións que adoitan situarse entre os 60 e 70 puntos sobre un total de 100.
 

The contents of this page were updated on 09.02.2024.