O proxecto RURALtXA! coñece experiencias de éxito na Serra dos Ancares
O proxecto RURALtXA! vén de percorrer estes días a Serra dos Ancares cun nutrido grupo de persoas propietarias e produtoras de tres Áreas Piloto onde se desenvolve o proxecto. Arredor de 30 asistentes chegadas das serras da Groba (Pontevedra), do Xistral (Lugo) e da Faladoira (A Coruña) e que forman parte da Rede de Traballo do Proxecto RURALtXA! coñeceron experiencias exitosas e moi inspiradoras relacionadas coa gandería en extensivo, o ecoturismo ou a apicultura.
A Rede de Traballo do Proxecto RURALtXA! está formada por propietarios e produtores dos montes participantes do proxecto e ten como obxectivo impulsar e poñer en valor os produtos derivados de actividades tradicionais e compatibles coa conservación de certos hábitats naturais de montaña como son os queirogais húmidos e secos ou as turbeiras altas e de cobertor.
A visita comezou coñecendo de primeira man o modelo de negocio e o manexo sostible que levan a cabo tanto a Cooperativa A Carqueixa como a empresa Traloagro, cos seus postos de venda na Praza de Abastos de Lugo. Xa na contorna de Piornedo (na Serra dos Ancares), a Asociación Teitos de Piornedo levou a cabo unha experiencia ecoturística consistente nunha visita guiada á aldea e á palloza-museo e unha cea tradicional no interior dunha palloza. Na Escola de Piornedo tivo lugar unha sesión de intercambio de experiencias e transferencia de resultados onde os técnicos de RURALtXA! e os membros da Rede aproveitaron para contar o traballo desenvolvido no marco do Proxecto e os asistentes puideron coñecer os resultados do Proxecto RETTURN, unha rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural.
Na xornada seguinte, membros da Cooperativa A Carqueixa guiaron ao grupo pola contorna de Piornedo onde explicou o manexo gandeiro levado a cabo polos socios da Cooperativa. Pola tarde, os asistentes visitaron El País del Abeyeiro, en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz) onde coñeceron o traballo de Alberto Uría e a súa actividade apícola e ecoturística.
O Proxecto RURALtXA! persegue o impulso da bioeconomía rural, revalorizando os usos tradicionais do monte e a gandeiría extensiva de montaña, á vez que se conserva a biodiversidade, con especial atención aos hábitats naturais de queirogais e turbeiras. Trátase dun proxecto en consorcio entre as universidades de Santiago e A Coruña, xunto á fundación vasca HAZI, o cal conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.