Un bastón con sistema de estabilización para superficies rurais que se carga con enerxía solar, proxecto gañador do Terra Creative Jam
O proxecto Bastall centrado na creación dun bastón para persoas maiores con dificultades para a marcha adaptado a superficies rurais resultou gañador do Terra Creative Jam, o evento creativo e de innovación para a xeración de ideas na USC co que se pretende achegar solucións que sirvan para “reinventar o rural”. O bastón ideado no marco deste proxecto incorpora un sistema de estabilización de caídas e un sistema de elevación asistida motorizada, que tamén se carga mediante batería solar.
Ao longo de dúas xornadas, o Terra Creative Jam ofreceu obradoiros, así como múltiples desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos. As persoas inscritas puideorn desfrutar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos, prototipaxe con maquinas 3D, corte láser, gamificación, drons, realidade virtual e IA, alén de actividades deportivas e lúdicas con escape room e escalada. A segunda xornada consistiu nun Hackaton onde por equipos traballaron no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela ante o xurado.
O segundo posto recaeu no proxecto Fogate, unha empresa (Fog+(irrig)ate) especializada en dispositivos que recollen a auga da chuvia para filtrala e producir enerxía con ela. A iniciativa Céntrase en zonas nas que, malia ter néboas, carecen dos afluentes necesarios para as terras agrícolas durante todo o ano, como as zonas costeiras ou de alta montaña. O proxecto Concha, un tráiler que contén unha máquina (que funciona sen internet) cunha IA para facer diferentes cousas sobre as que poden existir dúbidas, obtivo outro dos segundos premios. Concha está enfocado nas persoas maiores e moveríase por diferentes lugares. Finalmente, o terceiro posto foi para Aldéame, unha páxina web para buscar emprego.
O evento toca diferentes temáticas que van dende a economía verde, a produción eficiente e sostible; educación rural inclusiva e de igualdade; emprendemento das mulleres do rural; seguridade alimentaria; rural tech, desenvolvemento local, envellecemento activo no rural, ata rexurdimento creativo e cultural. As ideas, produtos e servizos que se desenvolven deben estar ligados ás temáticas do evento ‘CREA’ oportunidades para o rural. Os tres mellores prototipos de proxecto foron premiados cunha praza para todo o equipo na Residencia formativa LOF TALENT e no Programa de emprendemento EXPLORER USC. Ademais, cada un dos membros do equipo gañador, recibiu premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros.
Este evento está promovido polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa incubadora Lug Open Factory. A actividade foi totalmente gratuíta. Ademais, facilitóuselles aos asistentes, desprazamento, aloxamento e mantenza durante os dous días que dura o Terra Creative Jam.