Skip to main content

A biodiversidade dos bosques tropicais americanos non logra seguir o ritmo do cambio climático

A Selva Maia é unha das zonas onde parece darse un maior atraso nas respostas dos bosques aos cambios climáticos. FOTO: Pexels
A Selva Maia é unha das zonas onde parece darse un maior atraso nas respostas dos bosques aos cambios climáticos. FOTO: Pexels
Un estudo no que participa a investigadora da EPS de Enxeñaría María Guadalupe Nava Miranda e que acaba de publicarse en ‘Science’ evidencia que as especies están a mudar a súa composición pero a súa velocidade de adaptación é demasiado lenta
Lugo

Os bosques tropicais do continente americano tentan adaptarse ao cambio climático mudando a composición das súas especies. Con todo, este  proceso está ser demasiado lento para garantir a súa biodiversidade. Esta é a principal conclusión do estudo titulado ‘Tropical forests in the Americas are changing too slowly to track climate change’ que acaba de publicarse na revista Science e que conta entre os seus asinantes cunha investigadora predoutoral da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, María Guadalupe Nava Miranda, pertencente á Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) do Campus Terra. 

Comprender a capacidade dos bosques para adaptarse ao cambio climático é de vital importancia para a ciencia da conservación, pero este aínda é un tema amplamente descoñecido. Esta brecha de coñecemento é particularmente aguda nos bosques tropicais de alta biodiversidade. O estudo no que participa Nava Miranda profunda en como os bosques tropicais de América cambiaron a composición de trazos das súas comunidades, nas últimas décadas, como resposta aos cambios no clima. 

Tomando como base as relacións históricas entre trazos e clima, a investigación constatou que, en xeral, os trazos funcionais estudados amosaron cambios de menos do 8% con respecto ao que cabería agardar, dados os cambios observados no clima. “Os bosques máis diversos da Terra están a cambiar na composición de trazos funcionais, pero a un ritmo que é fundamentalmente insuficiente para seguir o cambio climático”, sinalan as persoas autoras do estudo, cuxo primeiro asinante é Jesús Aguirre Gutiérrez da Universidade de Oxford. Con todo, os exemplares que integran a mostra evidenciaron cambios do 21% en relación coas expectativas do cambio climático. 

Centroamérica e Brasil 

O principal cambio detectado no marco do estudo correspóndese coa variación nas taxas de crecemento das árbores existentes. Ademais, identificáronse áreas específicas onde parece darse un maior atraso nas respostas dos bosques aos cambios climáticos. Trátase da Selva Maia en Centroamérica, así como o bosque atlántico e parte da selva amazónica en Brasil. “A nosa análise demostra que a composición da comunidade de árbores está a cambiar para seguir o cambio climático, pero a responsabilidade abafadora tería que recaer na variabilidade dentro das especies e na plasticidade dos trazos para facelo adecuadamente”, subliña o artigo. Porén. é probable que os cambios no clima sexan demasiado rápidos para que a plasticidade fenotípica adaptativa poida seguilos, especialmente en contornas con baixa heteroxeneidade climática. 

O estudo conclúe que resulta probable que a composición de especies de árbores e as propiedades funcionais dos bosques tropicais americanos (e probablemente de todos os bosques tropicais) estean cada vez máis lonxe do equilibrio.

María Guadalupe Nava Miranda está a desenvolver a súa tese no marco do Programa de Doutoramento en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural e Civil, baixo a dirección do catedrático da USC, Juan Gabriel Álvarez González, tamén pertencente a UXAFORES. A investigación que está a realizar céntrase na cuantificación dos recursos forestais e os seus cambios mediante a monitorización forestal combinada con teledetección. “A formación que recibín na EPSE de Enxeñaría foime de moita axuda xa que realicei estadías aquí en 2011, 2015 e na actualidade”, sinala a investigadora mexicana que está a desenvolver a súa actividade na USC dende o ano 2022. 

María Guadalupe Nava Miranda no seu despacho da USC
María Guadalupe Nava Miranda no seu despacho da USC
The contents of this page were updated on 03.07.2025.