Skip to main content

Traballo de Fin de Máster

O obxectivo principal do Traballo de Fin de Máster (TFM) é que o estudante desenvolva un proxecto no ámbito da enxeñería ambiental, aplicando os coñecementos e habilidades adquiridos durante a súa formación.

A través do TFM, búscase simular unha actividade profesional no ámbito científico, técnico ou de xestión, permitíndolle así complementar a súa preparación académica.

Esta materia, coa maior carga lectiva do programa (18 ECTS, equivalentes a aproximadamente tres meses de traballo), require que o estudante acorde un tema de traballo en colaboración cun profesor da titulación (titor académico) e, cando corresponda, cun titor profesional do ámbito empresarial ou da administración.

O TFM representa o proxecto final de especialización do estudante, no que aplica e demostra as súas competencias nunha área de coñecemento específica.
 

Acceso aos mellores TFM

Podes acceder a unha selección dos mellores TFM da titulación, ben por acadar as maiores cualificacións ou ben porque obtiveron diversos galardóns como o Premio VIAQUA ou outras distincións concedidas por outras empresas ou organismos.
 

Valoración do TFM realizada polos titulados

Nunha enquisa realizada a máis de 60 egresados de 10 promocións ao longo da década 2010-2020, recompiláronse as súas valoracións sobre diversos aspectos da titulación. En relación co TFM, destaca o seu papel fundamental, sendo a materia mellor valorada en termos de satisfacción.

Grao de satisfacción das Prácticas Externas e do TFM realizados polos titulados
Grao de satisfacción das Prácticas Externas e do TFM realizados polos titulados

A continuación, preséntanse algúns dos comentarios recollidos:

  • “No TFM é onde máis aprendín e máis posibilidades laborais obtiven”.
  • “A realización do TFM foi unha grande experiencia tanto desde o punto de vista persoal como profesional. Aprendín moitísimo e axudoume realmente a saber a que quería dedicarme no futuro”.
  • “Ao estar a traballar ao mesmo tempo na empresa serviume de grande aprendizaxe para conectar parte dos coñecementos do Máster no mundo laboral”.
  • “Realicei o TFM dentro dun grupo de investigación, o cal me serviu para desenvolver a miña tese, así que, baixo o meu punto de vista, foi un acerto”.
  • “A mellor achega do Máster. Poder realizar o TFM nun grupo de investigación punteiro axudoume a crecer e a saír da zona de confort. Aprendín moito”. 
The contents of this page were updated on 11.20.2025.