Os estudos xurídicos estiveron presentes na Universidade europea de maneira ininterrompida desde as súas orixes no século XI, aínda que a existencia de escolas de formación de xuristas é anterior e está difundida en todo tipo de culturas e civilizacións. Por tanto, o interese académico, científico e profesional da impartición dun título xeneralista de Grao en Dereito está fóra de toda dúbida. En particular, na Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Dereito retrotrae as súas orixes ao 1649 e, desde entón, ocupouse da formación xurídica universitaria en Galicia de maneira exclusiva ata os anos oitenta do século pasado, cando se implantaron as demais Facultades xurídicas do Sistema Universitario Galego (SUG); aínda na actualidade, o Grao en Dereito que ofrece a Facultade segue sendo o de maior demanda de todo o SUG. De tan longa tradición é froito un gran número de personaxes de relevancia histórica, política, social, cultural e científica que recibiron a súa formación nas aulas da Facultade e que avalan a calidade do ensino impartido na mesma.
Pola súa banda, o Instituto de Criminoloxía foi creado no ano 1981, sendo o terceiro de máis antigüidade en España. Encargouse da impartición dos estudos correspondentes á titulación propia de Diploma Superior en Criminoloxía ata a súa extinción no curso 2022-23 por mor da implantación do Grao en Criminoloxía no curso 2018/2019.
Misión
A Facultade de Dereito é unha institución pública, integrada na Universidade de Santiago de Compostela, que ten como misión impulsar o desenvolvemento da docencia superior e a investigación científica nas disciplinas correspondentes aos plans de estudo das súas titulacións. Promove unha educación integral baseada na excelencia académica, na ética, no compromiso social e na formación para un contexto global e interdisciplinar.
Visión
A Facultade de Dereito aspira a ser un referente na formación de profesionais nos eidos do Dereito e da Criminoloxía, recoñecida pola súa excelencia académica, a súa investigación de impacto e a súa capacidade para responder aos retos xurídicos e sociais do século XXI. A través dunha formación integral, queremos ofrecer aos nosos estudantes unha preparación completa, que combine o coñecemento teórico cunha sólida formación práctica, preparando profesionais que poidan afrontar os retos do exercicio profesional cun enfoque ético, crítico e responsable.
O centro busca consolidarse como un espazo de innovación e reflexión crítica, cunha forte orientación á solución de problemas reais e actuais da sociedade. Para isto, fomentamos unha investigación de alto nivel, que non só se caracterice pola súa excelencia académica, senón tamén polo seu impacto directo na mellora das políticas públicas, no desenvolvemento de novas normas xurídicas e na adaptación do sistema xurídico ás necesidades reais da nosa sociedade.
A nosa aposta pola interdisciplinariedade permite aos estudantes desenvolver habilidades analíticas e prácticas que van máis alá do ámbito xurídico tradicional, conectando coa economía, a política, a socioloxía, a psicoloxía e outras áreas relevantes, permitindo un enfoque máis amplo e efectivo na resolución de problemas.
A colaboración co sector xurídico, coas institucións públicas e privadas, e coas redes internacionais é fundamental para ofrecer unha formación adaptada ás demandas do mercado laboral globalizado. A participación en proxectos e iniciativas internacionais permite á Facultade ampliar a súa visibilidade global, ao tempo que favorece o intercambio e a colaboración entre diferentes tradicións xurídicas e culturais, enriquecendo a súa perspectiva e formación.
A Facultade de Dereito pretende ser un espazo de aprendizaxe que forme profesionais non só cualificados, senón tamén cidadáns responsables, conscientes do seu papel na mellora da sociedade.
Valores
No exercicio da súa actividade e, particularmente, no desenvolvemento e execución do presente Plan Estratéxico, a Facultade de Dereito rexerase polos seguintes valores:
- A defensa e promoción dos dereitos fundamentais
- A vocación de servizo e compromiso coa excelencia
- O compromiso coa formación continua
- A liberdade de pensamento
- O espírito crítico
- A xestión aberta e responsable
- A participación e o diálogo
- A ética e a responsabilidade social
- A apertura á cidadanía e sensibilidade ás necesidades sociais
- O compromiso coa innovación tecnolóxica
- A colaboración internacional e a multiculturalidade
Principios
A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela reafirma o seu compromiso coa calidade, en consonancia co seu Sistema de Garantía de Calidade (SGC), e coa oferta dunha formación de excelencia baseada en principios como a responsabilidade, integración, participación, igualdade, orientación ao alumnado, transparencia e excelencia. Estes principios son a columna vertebral da súa política de calidade e reflicten o seu papel como institución de referencia no ensino do Dereito e da Criminoloxía.
- Responsabilidade: proporcionar unha formación de alta calidade nos ámbitos xurídico e criminolóxico, garantindo unha oferta académica que responda ás necesidades e expectativas do estudantado e da sociedade.
- Integración, participación e igualdade: atender ás necesidades dos distintos grupos de interese, facilitando mecanismos efectivos para a expresión de opinións, suxestións, desacordos e queixas. Así mesmo, fomentar a participación de toda a comunidade académica no desenvolvemento da vida universitaria, garantindo a representación dos diferentes colectivos nos órganos de goberno e xestión da Facultade.
- Orientación ao alumnado: situar ao estudantado no centro da actividade académica, asegurando a súa orientación e apoio a través da figura dos titores, dos coordinadores de curso e da dirección do centro mediante o desenvolvemento de programas formativos que favorezan o seu éxito académico e a súa inserción laboral.
- Transparencia: reforzar a confianza da comunidade universitaria e da sociedade a través dunha xestión aberta e accesible, promovendo a difusión pública e actualizada dos resultados dos programas formativos. Para este fin, empregarase de maneira prioritaria a páxina web da Facultade e as súas redes sociais institucionais.
- Excelencia: alcanzar os estándares máis elevados de calidade académica e institucional, tomando como referencia os principais modelos vixentes de xestión universitaria, así como os centros de ensino superior de prestixio, especialmente no ámbito español e europeo.
Obxectivos
Considerando o anteriormente sinalado, a Facultade de Dereito ten como principais obxectivos de calidade:
- Asegurar que os plans de estudo das titulacións impartidas no centro estean aliñados cos máis altos estándares nacionais e internacionais, integrando enfoques innovadores e prácticos.
- Desenvolver unha educación que combine coñecementos teóricos e prácticos, preparando aos estudantes para afrontar os desafíos profesionais cunha visión ética e crítica.
- Impulsar proxectos de investigación que contribúan á creación de políticas públicas, novas normativas e solucións a problemas sociais e xurídicos contemporáneos.
- Establecer alianzas estratéxicas con institucións públicas e privadas, facilitando a formación práctica e a integración dos nosos graduados no mercado laboral.
- Promover a inclusión e a igualdade de oportunidades, asegurando a participación da comunidade académica nas decisións da Facultade.
- Mellorar a confianza a través dunha xestión aberta, accesible e transparente, cunha adecuada difusión dos resultados e logros académicos e institucionais.
- Establecer mecanismos de mellora continua nos procesos académicos, administrativos e de investigación, tomando como modelo centros de educación superior prestixiosos.