O Máster universitario en Avogacía prepara aos graduados e licenciados en Dereito para o exercicio da profesión de avogado, de acordo co establecido na Lei 34/2006.
A Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e de procurador dos tribunais, e o Real Decreto 775/2011, do 3 de xuño, que a desenvolve, regulan as condicións para obter o título profesional de avogado e de procurador; á vez que establecen, entre outros aspectos, os requisitos de contido que deben reunir os cursos de formación e períodos de prácticas que permitan obter a capacitación profesional necesaria para o exercicio da avogacía. Esta normativa obriga aos novos graduados interesados no exercicio da avogacía a cursar un Máster universitario oficial de 90 ECTS e a superar as probas de avaliación da aptitude profesional convocadas ao efecto.
A normativa referenciada pon de manifesto a importancia da formación práctica que deben recibir os futuros avogados para o seu adecuado exercicio profesional no labor de asesoramento en Dereito e defensa xurídica dos cidadáns tanto nas vías xudiciais, como nas preventivas e compositivas, ao tempo que mostra a insuficiencia da obtención dunha titulación universitaria de grao para a súa capacitación profesional.
O título oficial de Máster universitario en Avogacía impartido pola USC coa colaboración do Ilustre Colexio de Avogados de Lugo posúe un gran interese académico, ao tratarse dun título que durante os cursos académicos nos que se imparte ofrece ao alumnado unha formación especializada e profesionalizante de carácter teórico-práctico para un inicial desempeño profesional, outorgando competencias profesionais e abordando todos os contidos que son obxecto da proba estatal de avaliación da aptitude profesional.
Polo tanto, ten un dobre perfil: é valido como formación específica comprensiva do "curso de formación" e do período de "prácticas externas" esixidos na normativa vixente para acceder ás avaliacións de aptitude profesional que permiten obter o título profesional de avogado/a; e, ao mesmo tempo, configúrase como un título de máster oficial universitario, integrándose como tal dentro do espazo europeo de ensino universitario, polo que posúe unha marcada orientación laboral e práctica, favorecendo o seu deseño curricular a empregabilidade.