O TFG consistirá na elaboración dun traballo académico orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de grao e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, redacción, presentación e defensa.
O plan de estudos do Grao en Óptica e Optometría sinala a realización obrigatoria dun TFG de 9 créditos ECTS.
O TFG estará orientado á avaliación das seguintes competencias asociadas á titulación:
- Ser capaz de definir os obxectivos do traballo, identificando o problema a resolver ou o obxectivo de coñecemento a alcanzar.
- Ser capaz de deseñar as tarefas, organizar os pasos a seguir para alcanzar os obxectivos e desenvolver o traballo de acordo co plan definido.
- Saber buscar e seleccionar información relevante para o caso, problema ou obxecto de estudo, a partir de fontes do nivel de libros de texto avanzados e incorporando algunhas achegas de textos científicos especializados.
- Facer uso dos coñecementos adquiridos ao longo dos estudos que sexan pertinentes para o obxecto do traballo e integrar con eles a nova información conseguida.