O TFG constitúe unha materia obrigatoria de 6 créditos. Consiste na elaboración dun traballo orixinal autónomo de cada estudante no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Grao.
O TFG incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción, presentación e defensa do traballo. Dependendo da modalidade de elaboración de TFG elixida, poderá incluír ademais unha parte empírica ou experimental sinxela, o deseño dun programa ou proposta de intervención, análise de casos, etc.
O TFG está orientado á avaliación das competencias asociadas á titulación entre as que cómpre destacar: capacitar para a procura, xestión, organización e interpretación de datos relevantes; reflexión sobre temas destacados e o desenvolvemento dun pensamento e xuízo crítico no ámbito da psicoloxía.