A mostra propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Poderá verse ata o 30 de agosto en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
A exposición
Máis de 50 manequíns recubertos en liño do país, con base de madeira e brazos articulados, mostrarán reproducións fidedignas de traxes tradicionais galegos que aparecen nos óleos, acuarelas, gravados e bosquexos de Castelao. Cada manequín irá acompañado de utensilios e antigüidades para completar a escena a representar.
A exposición contará tamén con reproducións da obra gráfica de Castelao en diferentes formatos e tamaños, ourivería tradicional, paneis con información das obras expostas e dos traxes amosados, vitrinas con material gráfico e documental relacionado coas pezas do corpus expositivo, así como un audiovisual para a proxección na sala.