Entre os días 21 de abril e 1 de maio terá lugar en Compostela a XXV Mostra de Teatro Universitario de Galicia, unha actividade organizada desde a Aula de Teatro da USC e incluída na Primavera Cultural
O luns 21 de abril arrinca a Mostra de Teatro Universitario de Galicia que dende hai un cuarto de século organiza a Aula de Teatro da USC. Nesta ocasión subirán aos escenarios do Salón Teatro e da Sala Roberto Vidal Bolaño seis compañías de Santiago e Lugo e unha do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Salón Teatro
O programa do Salón Teatro, no que todas as funcións serán ás 20.30 horas, comeza o luns 21 coa posta en escena pola compañía da USC Artías Teatro da peza Vivir sen medo, a partir da obra Mujeres jubilosas de Luís Visentín, con dramaturxia de Ana Ponte.
O martes actuará o Grupo Maricastaña da Aula de Teatro do Campus de Ourense (UVigo) coa obra Ludovico 2.5, con dramaturxia de Fernando Dacosta, e o mércores fará o propio a compañía El Enredo (USC) con A recepción, de Andrés Fernández Pardo e Noelia Miguéns Castaño.
Xa o xoves 24 será a quenda da compañía Calopsia Teatro, xurdida do curso de iniciación ao teatro da USC, que interpretará Dysphoria mundi, de Paul B. Preciado con dramaturxia de Helena Salgueiro.
O programa no Salón Teatro complétase coa posta en escena o venres 25 da obra Voilà, de An González, pola Compañía de teatro da USC do Campus de Lugo.
Sala universitaria de Teatro
A Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño da USC, emprazada no edificio do Auditorio universitario do Campus Sur, acollerá os días 30 de abril e 1 de maio, ás 21.00 horas, a representación da creación colectiva Abandonar toda esperanza, de La Barata Teatro.
A entrada a todas as funcións do certame é de balde previo paso polas billeteiras, que estarán abertas dende as 19.00 horas no Salón Teatro e dende as 20.30 na Sala do Campus.
