Ir o contido principal
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural
Imaxe do cartel

O programa de Faíscas Culturais Moito pau e pouca cenoria vai xirar, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego, en concreto, A burra, a mesa e o pau. Esta proposta escénica achégase ao mundo do traballo, á violencia do traballo, e ao traballo que invade o ámbito dos fogares. Con este argumento central, diferentes centros da USC conformaron as súas faíscas desde as particulares ópticas dos seus ámbitos de coñecemento. 

Así, desde Psicoloxía, proponse unha reflexión crítica sobre a precariedade laboral e a saúde mental; desde CC Económicas e Sociais suscitarase un debate sobre as conexións entre a teoría económica e os desafíos sociais e laborais do noso tempo; Xeografía e Historia fará a súa achega a través da realidade do traballo a domicilio na historia contemporánea de Galicia; Dereito abordará a relevancia xurídica de condutas como a subordinación ás ordes empresariais ou a propiedade dos medios de produción; Relacións laborais analizará o papel do terceiro sector na defensa dos dereitos laborais e, por último, CC Políticas e Sociais, sopesará o equilibrio entre as decisións privadas e a elección pública.

As actividades están abertas a toda a comunidade universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2025.