Nos últimos anos, o festival evolucionou para converterse nun evento multidisciplinar que, mantendo o cine como eixe, abrangue na súa programación outras disciplinas tais como a fotografía, a arte sonora, a etnografía, a música ou a literatura.
A vixésimo segunda edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto presenta importantes novidades cun cambio de formato e de datas. Este anovado modelo estrutúrase en dúas fases: o Curtocircuíto Campus, un feixe de actividades co foco na alfabetización audiovisual e a formación de novos públicos que se desenvolverá no mes de maio, e a Semana Oficial do festival, con proxeccións, encontros e eventos interdisciplinares do 1 ao 6 de xullo.
A formación e a presenza nos centros educativos da cidade seguirá sendo un dos acenos de identidade do festival e no seu compromiso por preservar e apostar polos novos talentos e contribuír á formación de novos públicos e pensamento crítico, desenvolverá este ano Curtocircuíto Campus.
Entre o 5 e o 13 de maio levarán a cabo actividades dedicadas en exclusiva á alfabetización audiovisual, a creación de novos públicos e a formación en xeral. Cada edición, máis de 2.000 estudantes participan nestas actividades que reforzan o espírito fundacional do evento.
A programación, dirixida a público infantil, escolar, universitario e profesional, estará dividida nas seccións Teenage Riot e Criaturas, dedicadas á xeración de novos públicos e que contan co apoio de Deleite, e Satélite FACÖM, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación e o Club de Cinema FACOM. Realizarase tamén a Cátedra Cruz Vermella - USC, na que se ampliará programación con respecto a edicións anteriores e que este ano estará centrada nos aspectos positivos do envellecemento. De novo levará a cabo a Residencia Artística, que conta co apoio da USC e que, a través da fotografía, reivindica unha imaxe de Santiago de Compostela que contraste coas representacións tradicionais da cidade. Ademais, nesta nova edición recuperarase a Sección Canteiras, que pon en valor a alfabetización audiovisual e promoción de prácticas que capacitan o alumnado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión en torno á linguaxe visual.
As actividades terán lugar no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Facultade de Ciencias da Comunicación, a Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación e volverán recuperarse os emprazamentos históricos da primeira época do festival: a Praza da Quintana ou a Praza das Praterías.
Campus Curtocircuíto
Celébrase do 5 ao 13 de maio. Inclúe actividades escolares, universitarias e para docentes. Celebrarase entre o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e a Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación no Campus Vida e a Facultade Ciencias da Comunicación no Campus Norte.
- Prazas: 10/12 persoas para que fagan quenda por parellas e cada unha vaia dúas medias xornadas aproximadamente segundo a súa dispoñibilidade.
Festival Curtocircuíto 2025
Celébrase do 1 ao 6 de xullo. Búscase xente responsable, con interese cultural e con ganas de colaborar nos labores básicos de produción dun festival: asistencia de invitados, apoio ao equipo nas salas de proxección, supervisión das actividades, servizo na oficina do festival, asistencia na comunicación etc. O ideal é que, como en anos anteriores, poidan ter un encontro con todas as persoas interesadas o mércores 25 de xuño e que se poidan incorporar a partir do venres 27 ou luns, 30 de xuño.
- Horario: flexible en función da dispoñibilidade, en quendas de mañá ou de tarde.
- Prazas: 25
Prazo de inscrición: do 24 de abril ao 24 de xuño de 2025.