Skip to main content

Comeza a reunión científica internacional "Antropoloxías do Camiño, Camiños da Antropoloxía"

Cartaz Antropoloxías do Camiño
Reunión científica internacional "Antropoloxías do Camiño, Camiños da Antropoloxía"
O 6 de xullo comeza "Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía", proxecto da USC incluído no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e dirixido pola profesora Elena Freire Paz.
Lugo, Santiago de Compostela

Algúns dos máis importantes nomes da antropoloxía ibérica e europea cítanse para unha peregrinación científica polos camiños Primitivo, Francés, do Norte e de Fisterra-Muxía que terá lugar entre o 6 e o 10 de xullo de 2021 ao abeiro da iniciativa ‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’, un proxecto da USC incluído no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e coordinado pola profesora Elena Freire Paz, que reunirá unhas trinta voces académicas, entre profesorado, investigadores/as e alumnado de doutoramento, para abordar o fenómeno xacobeo desde unha ollada plural. 

‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’ concíbese como unha reunión científica internacional por primeira vez itinerante, que comezará o día 6 de xullo na cidade de Lugo coa conferencia inaugural ‘Treinta años de Camino. 1991-2021: lectura sintomática de un mundo en movimiento’ da antropóloga, tradutora e hispanista belga Christiane Stallaert, presentada pola profesora de Historia Contemporánea da USC Ana Cabana Iglesia. 

A estrutura combina o desprazamento polas rutas xacobeas que transcorren polos concellos de Lugo, Friol, Guntín, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela, Padrón, Muxía e Fisterra con conferencias abertas. Así, intervirán o día 7 de xullo ás 19:00 no Castelos de Pambre de Palas de Rei o catedrático da UNED Julián López García co relatorio ‘Andar los caminos con algo más que pan y vino’; o 8 de xullo ás 19:30 na Carballeira da Mota en Arzúa o catedrático da URV Jordi Roca i Girona con ‘Buscando el camino: amores en movimiento’; o día 9 de xullo ás 18:30 no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela o investigador do CSIC Pedro Tomé Martín con ‘Paisajes culturales entre la memoria y la nostalgia’ e pecha as xornadas o día 10 de xullo no Faro de Fisterra a profesora da USC Nieves Herrero Pérez con ‘O camiño ao fin do mundo’.

The contents of this page were updated on 07.05.2021.