Skip to main content

Pemade iza na Escola Politécnica Superior do Campus Terra a primeira ‘gridshell’ do mundo realizada con madeira de eucalipto

Pemade iza en la Escuela Politécnica Superior del Campus Terra la primera ‘gridshell’ del mundo realizada con madera de eucalipto
Pemade iza en la Escuela Politécnica Superior del Campus Terra la primera ‘gridshell’ del mundo realizada con madera de eucalipto
A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC, dirixida polo catedrático Manuel Guaita Fernández, vén de desenvolver a primeira ‘gridshell’ do mundo realizada con...
Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC, dirixida polo catedrático Manuel Guaita Fernández, vén de desenvolver a primeira ‘gridshell’ do mundo realizada con madeira de eucalipto globulus. Esta estrutura, unha cuberta de tipoloxía singular e única en España, está elaborada con lámina reticulada de eucalipto e desenvolveuse no marco dunha liña de investigación na que está a traballar Pemade contando con financiamento da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do proxecto Campus Terra da USC.

 

As dimensións desta ‘gridshell’, tal e como se coñecen este tipo de cubertas con estrutura de tecido, abranguen 24 metros de lonxitude por uns 5,80 metros de anchura, o que permite protexer unha superficie en planta de arredor de 140 metros cadrados, segundo explicou o director de Laboratorio de Pemade, Jorge Crespo.

 

O proceso de deseño e a construción desta ‘gridshell’ é resultado de tecnoloxía e I+D 100% de Galicia, xa que se trata dunha obra desenvolvida integramente nas instalacións das que Pemade dispón na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra en colaboración con empresas do sector. Os laboratorios de Pemade foron asemade o escenario no que antes se desenvolveu o empalme estrutural da madeira laminada, explicou Crespo. Este investigador engadiu que antes de acometer a construción da ‘gridshell’ definitiva, o persoal de Pemade creou un prototipo. Esta primeira peza, conservada ao aire libre nunha área axardinada da EPS, serve agora de testemuño para que os investigadores de Pemade estuden o comportamento da madeira, así como para avaliar os efectos de tratamentos aplicados.

 

A estrutura resultante, unha cuberta xa izada no lateral dun dos pavillóns da EPS, naceu cuns cometidos funcionais que xa está a prestar. Crespo indicou neste senso que as limitacións das instalacións de Pemade fixeron necesario a habilitación de novos espazos para acubillar material. Nesta conxuntura e no marco da liña de investigación na que xa se estaba a traballar na Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC xurde a idea de construír unha ‘gridshell’, a xeito de teito de protección das baldas exteriores xa colocadas nun dos frontais do edificio da ampliación da EPS.

 

Rematada a colaboración das baldas e xa colocada a ‘gridshell’, o acondicionamento final deste novo espazo de Pemade completarase coa colocación dun téxtil impermeable sobre a cuberta de madeira e o peche lateral e frontal do novo espazo habilitado como almacén ou para usos varios.

 

Alén da singularidade que representa esta ‘gridshell’, o director de Pemade e responsable da oferta do único Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural do Sistema Universitario Español, Manuel Guaita, sinalou que solucións como a que representa esta cuberta de madeira demostra o potencial de valor engadido e a incidencia que pode ter para o desenvolvemento económico de Galicia  a construción sustentable con produción madeireira propia.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.