A Aplta abre a inscrición nunha xornada sobre elaboración de queixo láctico e enzimático que se celebrará do 29 ao 31 de maio
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC organiza os próximos días 29, 30 e 31 de maio a xornada técnica ‘Tecnoloxía básica teórico-práctica: Elaboración de queixo láctico e enzimático".
O obxectivo desta xornada é o de favorecer que as personas participantes adquiran os coñecementos básicos sobre os principais fundamentos técnicos e hixiénicos da elaboración de queixo. O programa detallado deste curso, así como os requerimentos e condicións para formalizar a inscrición están accesibles na web.
Entender a importancia dos diferentes compoñentes do leite, tanto desde un punto de vista químico como microbiolóxico e o papel que desenvolven na estabilidade do leite e nos tratamentos tecnolóxicos que se aplican na industria queixeira son outros dos cometidos deste curso presencial e de marcado carácter práctico.
Os técnicos encargados de guiar este programa de formación continua da USC procurarán tamén explicar ao alumnado inscrito a mecánica de coagulación do leite e a importancia dos factores asociados. Saber reproducir os pasos na fabricación de queixos en pequenas instalacións e realizar as operacións de limpeza requiridas para asegurar a hixiene do material son outros dos contidos desta acción formativa. O prezo da inscrición neste curso é de 180 euros e, ao tratarse dunha actividade práctica, o aforo está limitado a un máximo de 15 participantes.