Skip to main content

Humanidades do Campus Terra reivindica o seu cometido social no día do patrón

Humanidades del Campus Terra reivindica su cometido social en el día de su patrón
Humanidades del Campus Terra reivindica su cometido social en el día de su patrón
A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC celebrou este mércores un acto conmemorativo co gallo da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón das Humanidades, no marco do que se distinguiu...
Lugo

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC celebrou este mércores un acto conmemorativo co gallo da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón das Humanidades, no marco do que se distinguiu ao profesor Luis Miguel Fernández Fernández coa insignia do centro universitario lugués, ao tempo que se formalizou a entrega dos premios extraordinarios de fin de carreira aos titulados e tituladas que remataron a súa formación de grao e posgrao coas cualificacións máis altas.

 

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abriu este mércores esta sesión conmemorativa, no marco do que a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, fixo un alegato a prol da importancia da formación humanística e do importante cometido social que cumpren as Humanidades. González Rey salientou asemade na súa intervención a intensa actividade científica e académica que se desenvolve no centro universitario lugués, ao tempo que fixo especial fincapé no crecente grao de internacionalización que está a experimentar a Facultade de Humanidades de Lugo, “un centro permanentente aberto á sociedade”, dixo.

 

O voceiro do goberno municipal do Concello de Lugo, Miguel Fernández, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón, tamén participaron nesta celebración universitaria, no marco da que o profesor homenaxeado co gallo da súa xubilación, Luis Miguel Fernández Fernández, ofreceu un relatorio baixo o título ‘Un mito entre dos aniversarios. Don Juan no cine e a televisión’.

 

A entrega dos premios extraordinarios de fin carreira aos estudantes de grao e posgrao que completaron o pasado curso con mellor expediente académico serviu de colofón deste acto. Tamara López Fernández e Erea Linares García recibiron o recoñecemento como graduadas da última promoción do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural con mellor expediente académico, do mesmo xeito que Laura Arribas García, quen tamén completou o curso pasado o grao de Lingua e Literatura Españolas. Manuel Rial Santos recibiu tamén o recoñecemento por ter acreditado o mellor expediente académico da última promoción titulada no Máster en Servizos Culturais da USC.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.