O Campus Terra da USC captou nos últimos anos 500.000 euros por accións de I+D+i ligadas ao sector das bebidas fermentativas
Os proxectos e actividades de I+D+i desenvolvidos nos últimos anos polos diferentes grupos de investigación da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC que traballan en cuestións relacionadas co sector vitivinícola, así como con outras bebidas fermentativas, tales como poden ser a sidra, cervexa ou mesmo o whisky, permitiron captar ingresos por valor de preto de medio millón de euros, tal e como sinalou este xoves o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo.
Javier Bueno Lema realizou estas declaracións no marco dos actos organizados pola EPS polo Día da Terra, unha celebración coa que se fixo coincidir a inauguración das renovadas instalacións que acubillan a Adega Experimental do centro universitario, unhas “instalacións modestas, pero estratéxicas para a este centro”, segundo comentou o director da Escola Politécnica Superior. Tomás Cuesta sinalou asemade que esta nova infraestrutura, emprazada nos locais da planta baixa do pavillón 1 antes dedicados a usos de almacén, contribuirá a que os docentes e investigadores da EPS poidan seguir a realizar con éxito o labor que se vén desenvolvendo nunha escola que este ano cumpre xa medio século de vida.
A adecuación desta Adega Experimental da Escola Politécnica Superior do Campus Terra, unha instalación única na USC, requiriu un investimento de 120.000 euros, segundo lembrou o vicerreitor Javier Bueno, quen avanzou a vontade da USC de poder completar no futuro as dotacións e o equipamento dunha adega na que o persoal investigador xa pode facer uso de lagares, salas de climatización e laboratorios.
A visita ás novas instalacións desta adega serviron de colofón ao acto institucional organizado co gallo do Día da Terra, unha sesión á que tamén asistiron a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o concelleiro responsable das áreas de Deportes e Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández.
A directiva e enóloga da Adega Mar de Frades, a enxeñeira agrónoma egresada da Escola Politécnica Superior de Lugo Paula Fandiño, que vén de ser recoñecida como unha das dez mulleres con máis influencia no sector vitivinícola, ofreceu un relatorio sobre as particularidades que presenta o sector vitivinícola en Galicia, “un sector que atopa na súa rica variabilidade (de solos, uvas, clima...) unha das súas maiores riquezas e tamén unha das maiores vantaxes competitivas”, dixo.