O proxecto Afinet, a prol de activar prácticas agrícolas e forestais adaptadas ao clima en Europa, bota a andar no Campus Terra
O proxecto europeo Afinet, unha iniciativa coordinada polo Grupo de Investigación Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC e a través do que se pretende fomentar o desenvolvemento en Europa de prácticas agrícolas e forestais sustentables e adaptadas ao clima (agricultura climaticamente intelixente), botou a andar este xoves na Escola Politécnica Superior da USC, onde se deron cita máis de 30 investigadores procedentes de universidades e centros de investigación dos nove países que participan neste proxecto, no que tamén está implicada a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga).
Este innovador proxecto europeo, coordinado pola profesora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC María Rosa Mosquera Losada e co que se busca poñer en marcha unha rede de innovación en sistemas agroforestais baseada no intercambio de coñecemento e información para mellorar a sustentabilidade e a competencia do sector, ten un prazo de execución de tres anos e conta con tres millóns de euros de financiamento.
O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; a subdirectora da Relacións Exteriores da EPS, Ana García Arias, e a profesora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e coordinadora de Afinet, Rosa Mosquera, deron a benvida aos participantes nesta primeira sesión de traballo dun foro no que están implicados universidades e centros de investigación de nove países europeos (España, Portugal, Reino Unido, Finlandia, Polonia, Francia, Italia, Hungría e Bélxica) e que conta co respaldo da Federación Agroforestal Europea (Euraf).
Os membros que integran a comisión asesora externa deste programa internacional, Fabio Cossu, representante da EIP-Agri da Comisión Europea; P.K. Ramachandran Nair, experto en sistemas agroforestais da Universidade de Florida; Vimala D. Nair, experta en análise de solos en sistemas agroforestais; Anastasia Pantera, decana da Facultade TEI Steras Elladas, de Grecia, e o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada, tamén estiveron presentes na sesión inaugural deste foro de traballo de Afinet, no marco do que, entre outros asuntos, se abordarán cuestións de carácter organizativo.
Os promotores deste ambicioso programa continental pretenden contribuír coas súas achegas á realización e ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible indicados pola FAO en 2015, a través da integración da dimensión económica, ambiental e social que depara o desenvolvemento sostible, ademais de abordar así e de xeito conxunto os retos da seguridade alimentaria, así como outros requirimentos ambientais e climáticos.
O potencial de agricultura climaticamente intelixente para contribuír ao desenvolvemento sostible está xa recoñecido na política internacional, como o proba a súa inclusión nas conclusións e recomendacións finais da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Clima Change (UNFCCC) e na Convención sobre a Diversidade Biolóxica (CBD). Este respaldo da comunidade internacional xustifica o aumento do investimento europeo no desenvolvemento de acción orientadas a impulsar e promover prácticas agrícolas e forestais acaídas ao clima de cada rexión.
Este programa apoia o cambio de investigación de carácter científico para a investigación orientada á innovación en base ás interaccións e ás necesidades dos usuarios finais. Daquela, os participantes no proxecto compilarán, distribuirán e difundirán de forma axeitada os resultados da investigación, ademais das boas prácticas e ideas innovadoras neste eido que non están suficientemente desenvolvidas nin estendidas.
Esta visión pode incluír experiencias de recollida e coñecemento dos diferentes axentes, o que favorece un coñecemento interactivo, creación conxunta e súa posterior difusión, adaptando os contidos aos diferentes receptores ou protagonistas implicados (agricultores e produtores, servizos de extensión, responsables políticos, pemes...) e a cada unha das distintas rexións e países da UE.