Skip to main content

Carlos Herrero, coordinador do Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental: “A necesidade de traballo en materia de prevención no sector primario é enorme”

Carlos Herrero, coordinador del Máster en Prevención de Riesgos Laborales y Salud Medioambiental: “La necesidad de trabajo en materia de prevención en el sector primario es enorme”
Carlos Herrero, coordinador del Máster en Prevención de Riesgos Laborales y Salud Medioambiental: “La necesidad de trabajo en materia de prevención en el sector primario es enorme”
A solicitude de admisión no Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental do Campus Terra da USC finaliza o vindeiro 4 de agosto. O profesor da USC e coordinador do máster, Carlos...
Lugo

A solicitude de admisión no Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental do Campus Terra da USC finaliza o vindeiro 4 de agosto. O profesor da USC e coordinador do máster, Carlos Herrero, explícanos de que modo esta titulación contribúe a favorecer a inserción laboral dos seus alumnos.

 

Campus Terra (C.T.): Cales son os obxectivos fundamentais do seu Máster?

Carlos Herrero (C.H.): O Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental forma profesionais da prevención de riscos laborais, con capacidade para detectar e avaliar os riscos existentes en función do traballo levado a cabo en cada empresa, institución ou organización, e desenvolver, e no seu caso xestionar, una axeitada planificación preventiva.

 

C.T.:  Cales son as principais saídas profesionais do seu Máster?

C.H.: Dende a promulgación da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, o espectro de aplicación da mesma non fai máis que medrar, abranguendo na actualidade a totalidade das profesións. É por iso que a formación en materia de PRL é hoxe en día unha alternativa cunha gran variedade de saídas profesionais e oportunidades de colocación. Na actualidade, todas as empresas (sexa cal sexa a súa actividade) ou institucións públicas, así como calquera organización con fins laborais, precisan ter implantado un sistema de prevención de riscos laborais, e para elo é necesario ter profesionais propios con capacitación para exercer como técnicos superiores en materia de prevención de riscos laborais, ou ben contratar estas actividades cun Servizo de Prevención Alleo. Existen por iso empresas específicas de prevención de riscos laborais que se dedican á realización de informes, auditorías internas, plans de prevención, etc. coa finalidade de prestar estes servizos a outras empresas para cumprir co indicado na Lei 31/1995 de PRL. Tamén imparten cursos para formar e informar os traballadores das empresas contratantes dos posibles riscos laborais que puideran producirse no seu eido de traballo, así como as axeitadas medidas preventivas para evitalos. Estas empresas, cada vez máis estendidas, tamén precisan de técnicos superiores en prevención de riscos laborais. En xeral, a demanda de técnicos superiores con profundos coñecementos en materia de PRL é extraordinariamente elevada, e moito máis naqueles casos nos que a devandita titulación de riscos vese complementada con estudos de enxeñerías ou arquitectura (ben sexa técnicas ou superiores), ou de Relación Laborais, entre outras.

 

C.T.:  Por que considera que un alumno debe decantarse polo seu Máster e por un Campus como o Campus Terra da USC? Cal é o seu valor distintivo?

C.H.: A economía de Galicia xira en torno ao sector primario. Por iso, o desenvolvemento do noso país pasa pola formación de técnicos cualificados que modernicen e aporten valor engadido e especificidade ás producións agrícolas e gandeiras galegas. O Campus Terra é o eido apropiado para a formación de gran parte destes profesionais. A necesidade de traballo en materia de prevención no sector primario é enorme, xa que é este un sector no que a cultura e tradición preventiva é practicamente inexistente. O MPRL e SM pode ser un complemento magnífico para titulados dos eidos das diferentes enxeñarías, veterinaria, enfermaría, RR.LL., e outras titulacións do Campus Terra, e o seu valor distintivo é precisamente a capacidade técnica de aportar valor ao sector primario, desde procedementos de traballo seguros e saudables.

The contents of this page were updated on 06.22.2023.