Skip to main content

Inauguración o martes 4 ás 11.00 horas no Claustro Alto

Exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’

03.04.2025-03.28.2025 | 11.00h-18.00h

Claustro Alto

As mostras estarán no claustro alto do Colexio de Fonseca
As mostras estarán no claustro alto do Colexio de Fonseca

Oito galegas pioneiras en diversos ámbitos protagonizan a mostra coa que a Biblioteca Universitaria celebra este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A exposición inauguraraa o martes 4 ás 11.00 horas no Claustro Alto do Colexio de Fonseca o reitor Antonio López, que estará acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e pola directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.

8 mulleres galegas que moveron os marcos recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.  

As protagonistas da mostra son Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que se ten noticia; Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e alén do Atlántico; Elisa Patiño, a primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa; María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española que obtivo unha bolsa Fullbright; María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España; Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico; Concepción Pérez Iglesias, mestra e primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España, e María Barbeito, educadora que achegou precozmente a Galicia as máis modernas teorías pedagóxicas que se estaban a xestar en Europa.

Na exposición exhíbense oito paneis dedicados a cada unha destas pioneiras cos que a Biblioteca da USC quere contribuír a poñer en pé de igualdade as súas figuras. Trátase dun “mínimo botón de mostra documental” da intensa actividade dalgunhas destas mulleres, explica a súa directora Mabela Casal. Doutras, apenas se puideron reunir unhas poucas imaxes e algunha breve noticia nun xornal, “de xeito que o espazo reservado a estas últimas nas vitrinas actúa tamén como testemuño do esquezo ao que foron relegadas”, aclara.

8 libros 8 mulleres
Á vez que se inaugura esa mostra, chega tamén ao claustro alto de Fonseca a titulada 8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo, que remata a súa andaina despois dun ano de itinerancia polas facultades e bibliotecas dos campus de Lugo e Santiago. Deste xeito, a mostra de mulleres pioneiras marchará o día 28 de marzo de Fonseca para comezar o mesmo percorrido que a súa antecesora.
 

Cartel da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’
Cartel da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’
The contents of this page were updated on 03.03.2025.