
O 18 de setembro, ás 19 horas, Xosé Abad pronunciará unha conferencia no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca coa temática 'Perspectivas da fotomontaxe', onde, empregando materiais propios e alleos, reflectirá sobre diferentes aspectos dunha disciplina que, ao longo dos séculos XIX, XX e XXI, serviu para desenvolver ben os soños humanos, ben a crítica ao poder establecido, adiantándose a ferramentas informáticas como Photoshop e IA. A charla terá lugar no contexto da exposición Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973).
Xosé Abad (Girona, 1956), premios Mestre Mateo, Luis Ksado e Pardela polo Clube de Amigos da UNESCO, é un fotógrafo profesional que exerce o seu traballo na Coruña a partir do ano 1979 e un dos pioneiros na utilización da fotomontaxe contemporánea na Galiza. Ao longo da súa, xa extensa, carreira desenvolveu o labor en tres eixos fundamentais: fotoxornalismo, fotografía comercial e fotografía de autor. No primeiro dos campos, fotografando para diversos medios de comunicación, mentres que, no segundo, centrando a súa actividade nomeadamente no ámbito da publicidade. Finalmente, na fotografía de autor desempeñando un amplo roteiro que vai do retrato (Retratos) ao nu (Desnudos), da análise formal (Contraluces) á reflexión sobre a muller (Madres e hijas, El eterno femenino), da reportaxe e o documento (Cuba) á mostra de imaxes da desfeita en América do Sur (Asháninkas) ou a reflexión sobre o traballo tradicional na súa fase, probablemente, terminal (Oficios entre lusco e fusco).
Outros muitos espazos son ocupados pola actividade de Abad. Entre eles poderíanse subliñar unha ampla obra filmográfica de carácter documental, con máis de 10 títulos, que abrangue desde Gris púrpura (1991) ata A pegada dos avós (2013) e que, en ocasións, mostrando a face máis solidaria do autor, se desenvolve en colaboración con diferentes Organizacións Non Gobernamentais galegas e estranxeiras. Ao mesmo tempo, débese salientar o seu papel de dinamizador cultural do que é proba a creación e dirección de 40x50, a primeira revista integramente dedicada á fotografía que, editada en color, viu a luz a finais do ano 1985 e que, aínda que de vida breve, estableceu a hipótese da posibilidade de edición fotográfica de calidade en galego. Co-fundador, a comezo dos anos 80, do movemento Novos fotógrafos coruñeses expuxo o seu traballo en bienais, certames e museos da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Xenebra ou Porto.