Skip to main content

Exposición 'Ficcións especulativas'

10.16.2025-02.28.2026

Santiago de Compostela
Salón Artesoado e Sancristía

A mostra imaxina outros futuros posibles a través da arte, a ciencia ficción e o pensamento oracular. Propón unha viaxe para transformar a incerteza do presente en pulo creativo.

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

O Colexio de Fonseca acollerá desde o 16 de outubro a exposición 'Ficcións especulativas', unha mostra colectiva que explora como os artistas contemporáneos utilizan a ciencia ficción, os soños e os oráculos como ferramentas para construír visións alternativas do mundo e do porvir. A inauguración será ás 20.00 horas e estará presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias.

A exposición está comisariada por Aránzazu Pérez Indaverea, Guillermo Rodríguez Alonso, Abraham Cea Núñez e Federico L. Silvestre, e está organizada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Instituto de Humanidades (IHUS) e o grupo Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades (IDEAHS).

A mostra

Nun momento dominado por narrativas distópicas, 'Ficcións especulativas' actúa como un contrapunto, reivindicando a imaxinación como un espazo de poder e resistencia. A mostra articúlase arredor de tres eixos conceptuais que serven de brúxula para o visitante: a 'bolsa da ficción' da escritora Ursula K. Le Guin, que convida a crear relatos desde novas perspectivas; o marabilloso e os oráculos como ferramentas ancestrais para descifrar o futuro; e a hipótese científica entendida como un punto de partida creativo.

A exposición reúne obras dunha ducia de artistas nacionais e internacionais que habitan o espazo liminar entre a ciencia, a arte e a especulación: Mercedes Azpilicueta, Vicente Blanco, Paula Bruna, Andrea Canepa, Regina de Miguel, Antía Iglesias, Javier Martín, Eduardo Outeiro, Bollo Pierre 'Tadios', Iréné Nguea e ŋgam, Ce Quimera, Tomás Saraceno e Xoán Xil López . O proxecto defende que só narrando doutro xeito podemos ver doutras formas, presentando á propia arte como un laboratorio de futuros.

A mostra pode verse ata o 28 de febreiro de 2026, en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A obra que está na Sancristía do Colexio de Fonseca pode visitarse en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Cartel da mostra
Cartel da mostra
The contents of this page were updated on 10.16.2025.