Unha iniciativa de cooperación e voluntariado internacional na que participa activamente o Colexio Maior Universitario Santo Agostiño, no marco do seu compromiso coa formación integral, a responsabilidade social e a educación en valores.
Proxecto AMAPANGA
O proxecto xorde da colaboración entre estudantes de Galicia e a Escola Secundaria Ignacio de Loyola (ESIL) de Mozambique, co obxectivo de promover a educación e a autonomía de nenas orfas mediante a formación en costura e deseño. O seu nome, procedente do chichewua significa «Elas fan» e resume o espírito de acción e empoderamento que o inspira.
Os colexiais do Colexio Maior participan a través da Comisión de Voluntariado, que organiza reunións semanais dedicadas á elaboración de diferentes produtos (totebags, accesorios de nadal, pendentes, …) con materiais orixinais de Mozambique (capulanas). Estes produtos son posteriormente vendidos no ámbito local, destinando integramente os fondos obtidos á financiación de obradoiros de formación, materiais e bolsas para as alumnas da ESIL.
Esta experiencia permite ás/aos colexiais desenvolver competencias persoais e sociais, tale como o traballo en equipo, a planificación de proxectos, a creatividade e o compromiso ético coa xustiza global. Ademais, fomenta a conciencia intercultural e a cooperación solidaria, piares fundamentais da educación universitaria e da tradición humanista e xesuíta do Colexio Maior San Agostiño.
Pola súa natureza formativa, o seu compoñente de acción social e o seu impacto directo no desenvolvemento dunha comunidade educativa do sur global, AMAPANGA constitúe unha actividade plenamente aliñada cos obxectivos de aprendizaxe e servizo solidario que a USC recoñece como accións de voluntariado con valor académico.
- Horario: martes, de 21:30 a 22:30h.
- Prazas: 20