![Valente, por Sara Lamas Valente, por Sara Lamas](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/generic-page/image/2022-11/valenteporsaralamas.jpg?itok=AofkSPsh)
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á Universidade de Santiago de Compostela do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinares e interartísticas que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral.
A creación da Cátedra, que sucedeu á investidura de Valente como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999, tivo lugar no ano 2000, en ambos casos durante o Rectorado de Darío Villanueva. Para albergar todo o material doado designouse un espazo específico no último andar do recinto da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, pechado e amoblado con estanterías, mesas para investigadores e medios electrónicos para o traballo.
O Rectorado nomeou como director inicial da Cátedra ao daquela tamén director do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Luis Iglesias Feijoo e, como secretario, a Claudio Rodríguez Fer, estudoso e amigo de Valente, quen exerce como director da mesma dende o ano 2005. Por benevolencia do artista Antoni Tàpies, moi vinculado persoal e esteticamente a Valente, o deseño do logotipo da Cátedra, usado en todas as súas actividades e publicacións como signo identificador, está baseado nun motivo do pintor catalán presente nun debuxo da colección persoal do poeta e publicado por primeira vez no libro Material memoria en 1979.
![Punto Cero, por Antoni Tàpies](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/paragraphs/imaxe/2023-12/Punto%20cero_1%20-%20copia%20%282%29.jpg?itok=t8wkyp6M)