Pasar al contenido principal

A agrupación estratéxica do Campus Terra, á cabeza da investigación desenvolvida no SUG

A agrupación estratéxica do Campus Terra, á cabeza da investigación desenvolvida no SUG
A agrupación estratéxica do Campus Terra, á cabeza da investigación desenvolvida no SUG
A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible ‘BioReDes’ percibirá máis de 405.000 euros ao abeiro da última convocatoria da...
Lugo

A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible ‘BioReDes’ percibirá máis de 405.000 euros ao abeiro da última convocatoria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia co obxectivo de dotar ao SUG da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesarias en liñas ou áreas de investigación a longo prazo, centradas en eidos prioritarios para Galicia, así como potenciar a integración e sinerxías dos proxectos científicos que se desenvolvan.

 

A agrupación ‘BioReDes’, constituída nesta fase inicial por 16 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento vinculados á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e á Facultade de Veterinaria, ademais de contar co apoio explícito do Instituto de Acuicultura da USC, agroma na actualidade unha importante masa crítica formada por máis dun centenar de investigadores estables, 42 en etapa de formación e outras 43 persoas con contratos de apoio técnico con cargo a actividades de I+D+i.

 

A produción científica da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra, que ten como director ao catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez, é outro dos indicadores que proban o seu potencial e dan mostra da capacidade dos investigadores que a integran, un colectivo científico que no quinquenio 2010-2015 publicou máis de 500 artigos en revistas do primeiro cuartil (Q1). Cómpre salientar tamén os ingresos captados por este colectivo investigador por actividades de I+D+i no trienio 2014-2016, período no que os grupos agora concentrados en ‘BioReDes’ acadaron 11,6 millóns de euros de financiamento. Desta contía, un 32% corresponde a contratos con empresas, mentres que outro 13% dos ingresos procede de financiamento de proxectos internacionais.

 

Constituída como unha unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra e base para avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización, a agrupación BioReDes antóllase como unha ferramenta integrada nos contextos nacional e internacional da investigación acaída para vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.