A agrupación estratéxica do Campus Terra dá os primeiros pasos para revolucionar o sector primario de Galicia
A Casa do Saber acolleu este martes a presentación institucional da Agrupación estratéxica do Campus Terra BioReDes, a cal aspira a vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia, nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, quen puxo o foco na investigación que levará a cabo BioReDes como base para mellorar as condicións de vida da cidadanía, salientando a necesidade da translación deses resultados investigadores á sociedade como motor que revolucionará o sector primario e que permitirá “facer campus, facer universidade, facer provincia e facer país”.
Xunto ao reitor, tamén interveu a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo, quen destacou que as bases para asentar a excelencia do Sistema Universitario de Galicia son a cooperación, a innovación e a internacionalización, razón pola cal BioReDes vén de recibir máis de 400.000 euros por parte da Xunta de Galicia. No acto tamén participaron a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, así como o deputado provincial Álvaro Santos, os cales salientaron o fundamental que é o Campus Terra para a cidade de Lugo e a súa provincia.
O director da BioReDes, Paulino Martínez, presentou a estrutura e obxectivos da Agrupación. Integrada por 16 grupos de investigación de referencia científica, activos maioritariamente no Campus Terra, e máis de 200 investigadores, BioReDes conforma unha agrupación estratéxica de carácter multidisciplinar. A partir deste enfoque sistémico, acométese a investigación da produción e xestión sustentable dos biorrecursos ao longo de toda a cadea de valor, integrando as diferentes vertentes relativas á produción animal, vexetal e forestal e á alimentación segura, dende unha perspectiva sostible.
Os grupos de investigación que integran BioReDes captaron 12,5 millóns de euros nos últimos anos en actividades de I+D+i, procedendo un tercio dos recursos captados da contorna galega e evidenciando, tal e como sinala o catedrático de Xenética da USC e director da Agrupación a súa condición de “impresindible para Galicia”.
Entre 2019 e 2020, BioReDeS aspira a promover a especialización da súa competencia científica; a fortalecer as relacións estratéxicas coa contorna; e a posicionarse como un referente investigador. Constituída como unha unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra e base para avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización, a agrupación BioReDes antóllase como unha ferramenta integrada nos contextos nacional e internacional da investigación acaída para vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia.