O Cactus do Campus Terra de Lugo acolle o 16 de outubro o workshop ‘Microondas: unha ferramenta fundamental no laboratorio analítico’
O edificio Cactus do Campus Terra de Lugo acolle o vindeiro 16 de outubro a partir das 9.15h, o workshop ‘Microondas: unha ferramenta fundamental no laboratorio analítico’ co obxectivo de profundar no concepto de preparación de mostras, amosar os beneficios da tecnoloxía de cámara de reacción única (SRC) ou expor as vantaxes que a tecnoloxía de extracción por microondas aporta aos laboratorios ambientais, entre outros asuntos.
David Pérez, Area Manager de Gomensoro, e Ángel Palma, Product Manager de Milestone, serán os relatores dunha xornada na que tamén se afondará noutras aplicacións das microondas e realizarase unha práctica con mostras reais. A inscrición nesta xornada é de balde e debe efectuarse a través deste enlace.
Milestone é o líder mundial en tecnoloxía de microondas, e ao longo dos seus case 30 anos de experiencia, envorcouse no desenvolvemento e mellora de novos instrumentos co obxectivo de axudar aos químicos. Os equipos de Milestone amplían os horizontes no uso das microondas na rutina do laboratorio, grazas á súa flexibilidade e á súa continua adaptación ás necesidades dos mesmos.