Pasar al contenido principal

O Campus Científico de Verán XuvenCiencia pecha a súa sétima edición coa entrega dos Premios Aresa e Proxéctate en Galego

O Campus Científico de Verán XuvenCiencia pecha a súa sétima edición coa entrega dos Premios Aresa e Proxéctate en Galego
O Campus Científico de Verán XuvenCiencia pecha a súa sétima edición coa entrega dos Premios Aresa e Proxéctate en Galego
O Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acolleu na tarde do venres 5 o acto de clausura da VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia no que se fixeron públicos os...
Lugo

O Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acolleu na tarde do venres 5 o acto de clausura da VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia no que se fixeron públicos os gañadores e gañadoras dos Premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego, galardóns que recoñecen a dous dos mellores vídeos de entre os 26 elaborados polos 150 alumnos e alumnas participantes.

 

David Naya Pías de Lugo, Sergio Dacal Rodríguez de Santiago, Cristina Baliñas Torreiro de Teo, Carmela Varela Carballeira de Narón, Carla Fra García de Burela e Pedro Liste Monteagudo de Santiago, foron os autores do vídeo 'Crea o teu anuncio publicitario', o cal foi galardoado co premio Aresa Junior. Este galardón promove o interese dos rapaces/zas pola ciencia e a tecnoloxía, ademais de premiar as habilidades creativas, artísticas e de comunicación.

 

Claudia Abraldes Torres de Lugo, Pablo Vivero Fernández de Ribadeo, Loaira María Miguéns Pérez de Vilagarcía, Paula Vila Lois de Santa Comba e Uxío Louro Suárez de Santiago elaboraron o proxecto audiovisual 'Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica', o cal obtivo o galardón Proxéctate en Galego. Este premio busca promover o uso do galego como lingua de traballo e comunicación, alén de premiar a capacidade de transmitir información de forma novidosa, creativa e axeitada desde o punto de vista lingüístico.

 

O xurado destes galardóns estivo conformado polo profesor da USC en Lugo Javier López, tamén coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC; Xusto Rodríguez, en representación de Proxéctate en Galego e responsable do servizo de Normalización

Lingüística da USC en Lugo; o técnico do estudio e-Terra do campus de Lugo, David Vázquez Fraga; e Carlota López, en representación da empresa patrocinadora Aresa.

 

Como novidade nesta sétima edición, tamén obtiveron premio os tres usuarios da rede social Instagram matriculados no campus, que publicaron as fotos co hashtag #xuvenciencia2019 e que recibiron un maior número de likes. As premiadas nesta categoría foron Carla Ribadulla, Paula Vila Lois e Mar Baliñas Torreiro.

 

Universidade Junior de Oporto

Durante o acto de clausura, presidido pola vicerreitora de Coordinación Montserrat Valcárcel, procedeuse a realizar o sorteo, de entre o alumnado inscrito, para pasar a semana do 22 ao 26 de xullo na Universidade Junior de Oporto. As cinco persoas seleccionadas foron Laura Pernas Pérez, Marta Álvarez Fernández, Emma Sanmartín, Miguel Simoes Rial e Bárbara Gargallo Méndez.

 

XuvenCiencia pecha deste xeito a súa sétima edición, a mellor da súa historia xa que obtivo un número récord de solicitudes e na que 150 mozos e mozas preuniversitarios puideron coñecer de primeira man os distintos itinerarios formativos que poden cursarse no campus de Lugo da USC.

 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.