Pasar al contenido principal

O Campus Terra avanza na detección precoz da mamite bovina

O Campus Terra avanza na detección precoz da mamite bovina
O Campus Terra avanza na detección precoz da mamite bovina
O grupo de investigación en Sanidade Animal (INVESAGA) do Campus Terra da USC vén de validar dous kits para promover a detección precoz da mamite que serven para complementar o cultivo...
Lugo

O grupo de investigación en Sanidade Animal (INVESAGA) do Campus Terra da USC vén de validar dous kits para promover a detección precoz da mamite que serven para complementar o cultivo microbiolóxico, o cal presenta a limitación de inhibirse ante a presenza de antibióticos ou conservantes nas mostras, a fin de optimizar o rendemento económico das explotacións.

 

O investigador membro de INVESAGA, Gonzalo Fernández Rodríguez , explica que “o cultivo microbiolóxico inhíbese ante a presenza de antibióticos ou conservantes que se utilizan nas mostras, mentres que o PCR é capaz de detectar o patóxeno aínda que haxa un inhibidor deste tipo. Isto permite empregalo non como sistema substitutivo do cultivo pero si de xeito complementario en mostras que poden resultar conflitivas e nas que, polo tanto, o cultivo microbiolóxico falla”.

 

Este avance conseguiuse grazas ao apoio económico do Acelerador de Transferencia da USC, unha iniciativa destinada a cubrir a fenda existente entre os resultados dos proxectos de investigación e o interese das empresas ou outros axentes externos para botar man dese coñecemento xerado.

 

 

INVESAGA deseñou os protocolos necesarios para a recollida de mostras de leite, a partir de control leiteiro e de leite de tanque, necesarias para a validación dos kits de diagnóstico de detección de Staphylococcus aureus e Streptococcus agalactiae causantes de mamite bovina, para o seu uso en control leiteiro. Posteriormente, desenvolveu os protocolos necesarios para a validación pre-comercial dos kits desenvolvidos pola empresa EXOPOL e completou dita validación nas súas instalacións da USC.

 

Pola súa parte, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) participou nos procesos de validación, tanto da técnica como dos kits, realizando a recollida das mostras de leite necesarias para o estudo, procedentes tanto de animais como de tanques, de explotacións positivas e negativas aos microorganismos involucrados. As mostras analizáronse no LIGAL co fin de detectar microorganismos patóxenos por métodos microbiolóxicos, e almacenáronse con e sen conservantes para a súa análise posterior por PCR na USC.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.