Carlos Villamor Castiñeira e Ana Belén González Margaride gañan a II Carreira Campus Terra Leyma
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu a entrega de premios da II Carreira Popular Campus Terra Leyma, unha proba con saída e meta no estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera, e a través da que o Servizo de Deportes da USC e o seu Campus Terra aspiran a fomentar os hábitos saudables entre o estudantado, en particular, pero tamén en toda a sociedade en xeral.
Os atletas lugueses Carlos Villamor Castiñeira e Ana Belén González Margaride proclamáronse campións absolutos na modalidade masculina e feminina. Carlos Villamor repetiu triunfo nesta proba e cruzou a liña de meta en primeiro lugar logo de completar os 7.400 metros do trazado da proba nun tempo de 24.24 minutos. Daniel Pérez Murado, do Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, cruzou a liña de meta en segunda praza logo de empregar 25.17 minutos en completar o trazado, mentres que Breogán Gigirey, do Club San Paio A Estrada, completou o podio da categoría sénior masculina cunha marca de 26.27 minutos.
Na categoría feminina, o triunfo da proba tamén volveu recaer na atleta de A Pontenova Ana Belén González Margaride, que empregou 30.36 minutos en completar o trazado. Carla Trillo Fernández, do Clube de Atletismo Verxel Nutrición Deportiva, finalizou segunda cun tempo de 30.52 minutos, seguida da súa compañeira de clube Karina Pasarín Mon, quen cunha marca persoal de 31.23 minutos, foi a terceira atleta en cruzar a liña de meta.
Esta carreira, integrada por preto de 500 participantes, eríxese nun espazo de encontro entre as seis universidades do noroeste da Península Ibérica, dado que participan membros da comunidade universitaria das tres universidades galegas (Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), e das tres universidades do norte de Portugal (Minho, Porto e Tras os Montes e Alto Douro). Estas seis universidades teñen unha relación deportiva dende hai máis de trinta anos xa que celebran anualmente os Xogos Galaico-Durienses.
Ao mesmo tempo, a “II Carreira Popular Campus Terra Leyma” alberga un carácter solidario, ao corresponderse coa “V Carreira Universitaria contra a Droga”, xa que un euro de cada un dos participantes na proba de adultos, foi destinado á Fundación Galega contra o Narcotráfico.