Pasar al contenido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal impulsa a publicación da monografía ‘Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país’

A Cátedra do Pan e do Cereal impulsa a publicación da monografía ‘Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país’
A Cátedra do Pan e do Cereal impulsa a publicación da monografía ‘Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país’
A Cátedra do Pan e do Cereal, a primeira adscrita ao Campus Terra da USC, vén de publicar, baixo a coordinación dos profesores da USC en Lugo Ángeles Romero e Santiago Pereira, a monografía Respostas...
Lugo

A Cátedra do Pan e do Cereal, a primeira adscrita ao Campus Terra da USC, vén de publicar, baixo a coordinación dos profesores da USC en Lugo Ángeles Romero e Santiago Pereira, a monografía Respostas ás preguntas sobre o pan e o cereal do país na que se recollen os distintos relatorios expostos no acto celebrado en xullo de 2017, na Casa do Saber, con motivo do primeiro aniversario da Cátedra.

 

Coa edición do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, na súa serie sobre recursos alimentarios, a monografía ábrese cun texto sobre a calidade dos solos á hora de cultivar cereais, obra do profesor da USC Agustín Merino e da investigadora Beatriz Omil. A continuación, Xan Neira e Martiño Neira Cervera responden á cuestión ‘Por que cultivo ecolóxico de cereais?’.

 

Luís Urquijo Zamora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo aborda no terceiro capítulo do libro como recuperar os ecotipos autóctonos; mentres que nas páxinas seguintes Fernando Almeida García profunda na necesidade das rotacións para a produción do trigo galego.

 

Pablo Ramil-Rego, Luis Gómez-Orellana e João Pedro Tereso asinan o capítulo titulado ‘A Ceres Galaico-Minhota no contexto da Ceres Hispánica: datos para unha historia’. A obra continúa coas investigación de Carlos Otero verbo do divorcio entre biodiversidade e agricultura; co traballo de Mar Pérez Fra sobre se podemos permitirnos seguir perdendo terra agraria; co artigo de Jesús Fernández Cruces en torno á pertinencia de usar ou non o pan na nosa dieta; e coa investigación de Belén García Gómez e a directora da Cátedra, Ángeles Romero, sobre que nos din os sentidos sobre o pan. A obra remata coa análise que Ricardo Estévez López realiza sobre a conveniencia de introducir ou non gluten nas nosas dietas.

 

A Cátedra do Pan e do Cereal é unha cátedra institucional, promovida polo Grupo Da Cunha, que ten como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais. Consulta neste enlace as primeiras páxinas do libro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.