Pasar al contenido principal

Os coellos camiñan máis sans e sen fármacos polo Campus Terra

Os coellos camiñan máis sans e sen fármacos polo Campus Terra
Os coellos camiñan máis sans e sen fármacos polo Campus Terra
A Facultade de Veterinaria participa xunto a varias universidades e empresas no proxecto nacional TIRAC para reducir o uso de antibióticos nestes animais
Lugo

A pandemia que aínda estamos a vivir puxo sobre a mesa unha chea de novos enfoques en diferentes eidos, como a perspectiva One Health. Esta óptica defende a existencia dunha soa saúde, é dicir, que a humana, a animal e a ambiental están conectadas e relacionadas entre si mesmas nun triángulo.

 

Neste camiño cara a un estado de benestar onde as tres partes se benefician e retroalimentan, a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC está a participar no proxecto nacional Técnicas Innovadoras para a Redución de Antibióticos en Cunicultura (TIRAC). Esta actuación, que engloba a Galicia, Madrid e Navarra, está promovida por un grupo operativo supra-autonómico liderado por De Heus Nutrición Animal.

 

Deste xeito, a colaboración é un aspecto fundamental nesta iniciativa de I+D+i, polo que os grupos de Medicina Animal (ImedA), Anatomía Patolóxica (GAPAVET), Sanidade Animal (Invesaga) e mais o de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) de Veterinaria do Campus de Lugo non andan sós. Así, do seu consorcio promotor tamén forman parte Feuga, Porto-Muíños e a Universidade Politécnica de Madrid.

 

A súa finalidade é substituír os antibióticos empregados para tratar os problemas dixestivos que lles afectan aos coellos de cebo pola aplicación doutras técnicas innovadoras baseadas no estudo de estratexias nutricionais. Deste xeito, o seu foco está posto na formulación de pensos con baixo nivel de proteína e cunha porcentaxe de fibra soluble moderada a través da incorporación de macroalgas ou dos seus extractos.

 

Para chegar a este resultado tan innovador, que garante a saúde dos animais e á vez tamén mellora a rendibilidade das explotacións de cunicultura, esta acción conta cunha dotación orzamentaria de 490.000 euros, financiados nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

 

A procura dunha carne de mellor calidade, viandas cun perfil lípido cardiosaudable e maior contido mineral e un potencial antioxidante máis alto, xunto á posta en valor do sector de produción de algas, fan que esta investigación do Campus Terra non camiñe sobre dúas pernas nin sobre catro patas, senón sobre a sostibilidade dunha única saúde.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.