A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional visitou as instalacións do Cebiovet e do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou este martes en Lugo as instalacións do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina e do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), acompañada polo reitor da USC, Antonio López; pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; polo director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de La Cruz; e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, entre outras autoridades.
Pomar destacou estes centros, xunto coa Facultade de Veterinaria, como referentes da docencia, investigación e transferencia de coñecemento no ámbito da produción e sanidade animal en España e en Europa. Estes dous equipamentos permiten formar un complexo docente, asistencial e investigador totalmente inserido dentro da liñas estratéxicas do Campus Terra.
A conselleira lembrou que o seu departamento investiu máis de 4 millóns de euros na construción do Cebiovet e na remodelación do HVU Rof Codina. Estas melloras deron resposta á especialización do profesorado, que precisaba equipamento e instalacións renovadas para acadar os estándares de calidade esixibles actualmente na normativa de benestar animal.
Neste sentido Carmen Pomar explicou que o investimento realizado pola Consellería na mellora do complexo veterinario desde o ano 2015 está a dar xa os seus froitos. Non en balde, en só tres anos o financiamento captado polos investigadores do Campus Terra medrou en máis dun 80%, acadando a cifra récord de máis de 8,2 millóns de euros no 2018. Un 40% dos mesmos foron obtidos en convocatorias internacionais.