Pasar al contenido principal

A conservación do mexillón de río, da auga ao Campus Terra

A conservación do mexillón de río, da auga ao Campus Terra
A conservación do mexillón de río, da auga ao Campus Terra
O persoal de investigación do grupo CoPeMol da USC traballa a prol da preservación do molusco bivalvo “Margaritifera margaritifera”
Lugo

Piratas que van no seu barco na procura dun cobizado tesouro, antigas historias que falan de buques agochados baixo o mar... Xa na nosa infancia comezamos a escoitar unha chea de contos, e outros que non o son tanto, sobre obxectos de valor que se atopan nas profundidades das augas salgadas. E é que moitas veces os ríos son os grandes esquecidos, pero neles tamén existen grandes xoias descoñecidas.

 

Unha importante e gran mostra é o molusco bivalvo ‘Margaritifera margaritifera’. Este tesouro de auga doce é unha especie bioindicadora da calidade do ecosistema fluvial e, na actualidade, atópase en perigo de extinción. Pero chegou o seu salvavidas en forma de mans, en concreto as do persoal investigador do grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da USC, coordinado por Paz Ondina, profesora e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física no Campus de Lugo.

 

Grazas ao seu traballo, 35.000 exemplares deste mexillón de río gozan dun refuxio vital e de biodiversidade na estación de cría habilitada na ribeira do río Mera, no Veral. Ademais de preservar a vida dunha especie da que o 80% da poboación mundial se atopa nas concas fluviais galegas, este espazo goza da característica de ser pioneiro, pois polo momento é único en toda a Península Ibérica.

 

Neste senso, o proxecto de conservación de Margaritifera margaritifera naceu ao abeiro do Life Margal Ulla (2010-2016), coordinado pola Consellaría de Medio Ambiente e onde a USC participou como socio beneficiario. Tras o seu remate, a Universidade e mais a Xunta de Galicia asinaron un convenio co fin de manter a súa actividade e continuar coa recuperación desta especie, ademais de mellorar o seu hábitat.

 

A vontade de ambas as dúas por incrementar a súa poboación parte das consecuencias directas negativas que supón o seu declive para o ecosistema dos ríos. Este mexillón cumpre unha gran función como biofiltrador ao extraer algas, bacterias e partículas de materia orgánica da columna de auga.

 

Non hai dúbidas de que esta colaboración, materializada nun acordo renovado o pasado ano e vixente ata 2023, cunha achega de 85.000 euros, fai que remar por estas augas ata o seu destino sexa unha tarefa ben doada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.