Consulta a oferta formativa do Espazo de Cine do Campus Terra
O Espazo de Cine do Campus Terra mantén aberto prazo de inscrición para os seguintes módulos formativos a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou nos teléfonos 982821511 / 13
Módulo 4: INICIACION Á CINEMATOGRAFÍA
Relator: Bruno Máez
Metodoloxía:
Pártese dunha metodoloxía eminentemente conceptual, antes de desenvolver a práctica. Polo tanto, sempre haberá unha serie de conceptos que se tratarán mediante explicacións do profesor, apoiándose en esquemas, proxección de diapositivas, vídeos e outro material audiovisual, así coma a participación do alumnado propoñendo diversos exercicios en grupo ou actividades nas que se involucren directamente co profesor. Así mesmo, tamén haberá actividades máis prácticas para consolidar o visto na teoría, como facer diversos planos coa cámara, iluminar unha escena ou planificar unha rodaxe dende o punto de vista do departamento de fotografía.
Obxectivos:
Iniciación no mundo da dirección de fotografía.
Idea das tarefas que se levan a cabo no departamento de fotografía dunha rodaxe.
Uso do material máis común que se utiliza no departamento de fotografía.
Contidos:
O director de fotografía, ese gran descoñecido. Que é un director de fotografía? Cales son as súas funcións nunha produción audiovisual?
Como se organiza esta tropa? O equipo humano do departamento de fotografía. Nunha película a cantidade de xente que traballa pode ser un auténtico labirinto humano, non hai máis que botar un ollo aos créditos de moitas películas. Analizaremos os diferentes postos que hai nunha película e cales son as súas obrigas, facendo fincapé no departamento de imaxe.
E esta cámara custa moito? Sendo tan cara fará os vídeos soa, non si? Analizaremos as cámaras de cine máis importantes na actualidade, cámaras utilizadas en producións independentes, e como para cada produción existe unha opción idónea. Lentes, filtros, estativos, grúas e toda una cantidade inxente de material que nos axudará a conseguir ese plano desexado.
Luz aquí, luz alá, ilumíname, ilumínate. De que dispoñemos á hora de iluminar un espazo? Veremos as diversas posibilidades que nos permite a industria, tanto en grandes producións, coma en producións de baixo custo, os seus elementos a favor e as súas contras.
E cun par de velas, como fixo S. Kubrick? Ferramentas para a medición e control da luz. Analizaremos que instrumentos temos á nosa disposición para poder realizar medicións da luz. Exposímetro e termocolorímetro.
Como contar historias con luz. Veremos exemplos de como diversos directores de fotografía utilizaron a luz para contar unha historia.
Número de horas: 25
Lugar: Casa do Saber
Datas: 2,3 e 16 e 17 de febreiro
Horario: 10 a 14 e de 16 a 20 h
Prezos: Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100
Módulo 5: PRODUCIÓN E DISTRIBUCIÓN DUN PROXECTO DE CINE INDEPENDENTE
Relator: Suso López
Traballou (como produtor e actor) en numerosos proxectos audiovisuais nos últimos 10 anos, como as curtametraxes A Porta, O Paquete, Picnic, Limbo… O seu principal traballo ata o momento é o filme Dhogs (dirixido por Andrés Goteira) que durante 2017 e 2018 leva percorrido medio mundo sendo seleccionado e galardoado en diversos festivais de prestixio. Forma parte da produtora de cine meirega Gaitafilmes e tamén dos grupos musicais Os Bluesomes e Voladura. Tamén participa do mundo do asociacionismo formando parte da organización de eventos como o M de Cine e o festival Meirendas. Ten experiencia no desenvolvemento de proxectos, na produción executiva (financiamento, coprodución e distribución; xestión económica e de persoal) e tamén na produción de campo (localizacións, permisos, necesidades humanas e técnicas) de traballos audiovisuais. Neste momento, no mundo do cine, traballa na distribución de Dhogs e no desenvolvemento dos dous novos filmes de Gaitafilmes: Welcome to ma maison e Starmucks.
Descrición:
Trátase dun curso transversal de produción no ámbito audiovisual orientado ó funcionamento de proxectos independentes. Pretende abarcar, dende a propia experiencia, todos os procesos que teñen lugar dende o nacemento dunha idea ata a difusión e distribución dun produto rematado.
Metodoloxía:
A metodoloxía deste módulo desenvólvese sobre tres pés fundamentais: conceptos teóricos de produción, análise de casos reais e da propia experiencia, práctica na aula sobre presupostos, desagregamentos, informes, etc. A metodoloxía estará sempre apoiada nas propias inquedanzas do alumnado, acadando deste xeito un curso máis adaptado.
Obxectivos:
Acadar unha idea global do funcionamento de proxectos de cine independente. Diferenciar as partes e persoas involucradas en cada proceso e facerse coas ferramentas necesarias para intentar sacar adiante proxectos propios.
Contidos:
Grosso modo os contidos do curso serán os citados a continuación. Centrados sempre en proxectos independentes, non por iso faltos de profesionalidade. Durante as explicacións de cada unha das partes realizaranse análises de documentación existente, casos reais baseados na experiencia e prácticas na aula.
Produción executiva
Desenvolvemento de proxectos
Equipos técnicos e artísticos
Produción de campo
Distribución e difusión
Número de horas: 25h
Lugar: Casa do Saber
Datas: 9,10,23 e 24 de febreiro
Horario: De 10 a 14 e de 16 a 20 h
Prezos: Comunidade universitaria, 50. Taxa xeral, 100.
Módulo 6: RODAXE E MONTAXE DUN PROXECTO
Relator: Andrés Goteira
Enxeñeiro técnico de telecomunicacións pola Uvigo e técnico de son pola EIS da Coruña. Realizou algúns traballos audiovisuais durante a época estudantil, como por exemplo O paquete no 2009 e A porta no 2010. No 2013 marchou a Escocia onde escribiu o seu primeiro guión de longametraxe, que se convertería na súa primeira película como director (Dhogs, 2017). Durante os últimos anos realizou e impartiu numerosos cursos e talleres audiovisuais. Na actualidade, entre outras cousas, escribe o guión da súa seguinte película
Descrición:
O alumno fará unha inmersión completa no audiovisual dende un lugar libre e creativo
Metodoloxía:
As horas iniciais do obradoiro irán dedicadas a mostrar as múltiples miradas do cine, dende o cine máis contemplativo/hiperrealista ata o cine de efecto e truco, abarcando un diverso abanico de miradas cinematográficas que busquen por aquilo que provoque a cada unha das diferentes sensibilidades dos alumnos.
Pequeno repaso pola linguaxe audiovisual, técnica e proceso.
Inmersión durante 4 días nunha localización natural, rica en sons e paisaxes que fagan explosionar a creatividade do alumno, que permitan activar as sinerxías de colaboración e que deixe facer así como observar.
Visionado do material de cada un deles. Conclusións
Obxectivos:
Neste módulo final trátase de sacar un proxecto audiovisual adiante partindo do pequeno, utilizando novos recursos, determinando equipos de traballo e finalmente acadar unha calidade próxima ao profesional. Realizarase o plan de rodaxe, a rodaxe e a montaxe polo menos dunha peza audiovisual, apoiándonos no contido que se foi desenvolvendo nos módulos anteriores xunto aos alumnos, por exemplo o guión e a desagregación de necesidades de produción. O obxectivo final é ser capaces de ter un traballo totalmente rematado que sirva para dar forma a todo o aprendido no Espazo de Cine.
Número de horas: 50, distribuídas en oito sesións
Lugar: Casa do Saber e exterior
Datas: 13 ao 17 de abril (Semana Santa)
Prezos: Comunidade universitaria, 80. Taxa xeral, 140.