Os ‘Encontros de Lúa Chea’ abordan o 6 de marzo na Facultade de Formación do profesorado a violencia que se exerce sobre as mulleres
A Facultade de Formación do Profesorado acolle o mércores 6 de marzo, a partir das 19.00h, no seu salón de actos, unha nova sesión dos ‘Encontros de Lúa Chea’ na que se proxectará o filme documental Tódalas mulleres que coñezo, dirixido por Xiana do Teixeiro.
Xustamente un ano despois de falar de micromachismos, os ‘Encontros de Lúa Chea’, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, sitúan o foco nas situacións de violencia que socialmente tenden a minusvalorarse, pero que xeran alarma en millóns de mulleres cada día.
No acto abordarase como perciben as mulleres o espazo público a través da proxección dun filme premiado en diversos festivais de cinema ao longo do ano 2018, e no que a través de conversas con distintos grupos de mulleres en Lugo, a cineasta Xiana do Teixeiro pon en evidencia o masculinizada e violenta que continúan a ser as rúas na actualidade para o xénero feminino. Ademais este ‘Encontro de Lúa Chea’ permitirá que os asistentes debatan coas mulleres que aparecen no filme.
Os ‘Encontros de Lúa Chea’ son encontros informais organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria. A entrada aos mesmos é de balde ata completar aforo. Este evento está impulsado por Proxéctate en Galego, espazo galego na USC, obradoiro e foro de debate onde a Universidade se conecta coa sociedade en clave galega.