A Estación Científica do Courel organiza a VI Xornada de Iniciación á Micoloxía
A Estación Científica do Courel mantén aberto ata o vindeiro 29 de outubro o prazo de inscrición de balde para tomar parte na VI Xornada de Iniciación á Micoloxía, a cal pode formalizarse chamando aos teléfonos 648051928/600942418 ou nos enderezos electrónicos ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com) ou antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es) indicando nome e apelidos e DNI coa letra.
Juan Luis Fernández Lorenzo, doutor en Bioloxía e profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC abrirá a xornada o sábado 3 de novembro, co relatorio titulado ‘Iniciación á Micoloxía. Morfoloxía e ecoloxía dos cogomelos’. Tras unha breve pausa, será a quenda do Director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, quen afondará nas principais especies comestibles. O técnico de Investigación do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Julián Alonso Díaz, profundará, xusto antes do xantar, nas especies tóxicas e nas intoxicacións por cogomelos.
Xa en quenda de tarde, terá lugar unha sesión práctica con saída ao monte para identificar e recoller cogomelos cos profesores do curso.