Francisco Fraga asume o Decanato de Ciencias coa ollada posta no novo grao en Bioquímica
O profesor Francisco Fraga López esbozou algúns dos obxectivos que pretende acadar nos próximos catro anos no marco do acto académico da súa toma de posesión como decano da Facultade de Ciencias, unha cerimonia celebrada no salón de graos do devandito centro lugués e que estivo presidida polo reitor da USC, Antonio López, e xunto a el, a secretaria Xeral da institución académica, Dulce García Mella; a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; e o profesor José Manuel Martínez Ageitos, decano do centro durante os últimos 8 anos.
A mellora das infraestruturas e un aproveitamento máis eficiente dos espazos dispoñibles no centro pivotan, xunto co fortalecemento da actual oferta de títulos académicos coa próxima implantación do grao en Bioquímica, os obxectivos máis inmediatos do novo decano. Asemade, a promoción da actividade de I+D+i no propio centro universitario conforma outro dos retos cos que o profesor do Departamento de Física Aplicada da USC Francisco Fraga López asume a súa segunda etapa como decano da Facultade de Ciencias.
O reitor da USC, Antonio López, reiterou o total apoio do seu equipo de goberno ao decano electo e ao seu equipo, ao tempo que expresou a vontade e o compromiso de escoitar e atender na medida do posible todas aquelas demandas que contribúan á mellora desta Facultade.