Inscríbete ata o 24 de outubro na xornada agroecolóxica ‘Unha montaña de oportunidades’
A Estación Científica do Courel acolle o vindeiro 27 de outubro a xornada agroecolóxica ‘Unha montaña de oportunidades’ que pretende profundar no deseño de agroecosistemas con criterios ecolóxicos e cuxa inscrición pode formalizarse de balde ata o 24 de outubro a través dos enderezos electrónicos ro_rodriguezlopez [at] hotmail.com (ro_rodriguezlopez[at]hotmail[dot]com) ou antonio.rigueiro [at] usc.es (antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es)
O profesor da USC no Campus Terra, Xan Neira, pronunciará ás 9:35h, o relatorio inicial baixo o título ‘A oportunidade da agroecoloxía’. A continuación, o consultor agroecolóxico Franco Llobera afondará no deseño de políticas sociais, facilitando procesos de desenvolvemento comunitario, así como no desenvolvemento agroecolóxico, economía circular e sistemas agroalimentarios.
Claudia Hidalgo e Jorge Etchevers, do Colegio Postgraduados de México, falarán, pola súa parte, de indicadores de calidade do solo para avaliar a súa fertilidade e de biomímese, a ciencia imitadora da vida. Xa en quenda de tarde, Franco Llobera intervirá de novo para acometer a abordaxe da intelixencia territorial e colectiva, planeamento estratéxico participado, así como dos planos de desenvolvemento rural e deseño de políticas públicas.
O catedrático da USC no Campus Terra, Antonio Rigueiro, analizará os sistemas silvopastorais, unha práctica silvoecolóxica; mentres que a tamén catedrática da USC no Campus Terra, Rosa Mosquera botará o peche a esta xornada cun relatorio titulado ‘Sistemas Agroforestais e Cambio Climático’.