O investigador do Centro de Investigacións Mariñas Antonio Villalba abriu os 'Xantares biocientíficos' de BioReDes
A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC ‘BioReDes’ inaugurou o pasado venres 5 de abril unha nova iniciativa, denominada ‘Xantares biocientíficos’, que consistíu nunha charla titulada ‘Globalización e patoloxías na produción de moluscos: cancro contaxioso e marteiliosis’, impartida polo doutor Antonio Villalba, investigador do Centro de Investigacións Mariñas e coordinador da área de Patoloxía, á que lle seguiu un xantar no que foi posible fomentar o intercambio de ideas entre os e as asistentes.
A produción de moluscos, derivada de acuicultura e pesca, contribúe de forma crecente á alimentación humana. Como noutros casos de produción animal, algunhas enfermidades ameazan de forma dramática as explotacións marisqueiras. En Galicia, a produción marisqueira ten especial relevancia e, por iso, algunhas enfermidades de moluscos supoñen unha convulsión no ámbito socioeconómico; o caso máis recente é a marteiliosis do berberecho.
A outra enfermidade que presentou o coordinador da área de Patoloxía do Centro de Investigacións Mariñas da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Villaba, e que suscitou un gran debate foi a neoplasia diseminada, un tipo de cancro que lembra a leucemia e afecta a diferentes especies de moluscos, incluídos os berberechos. Este tipo de cancro se caracteriza pola transmisión entre diferentes especies de células cancerosas liberadas á auga por individuos enfermos e que logo se introducen e proliferan en individuos sans.
Esta iniciativa, a cal aspira a ter continuidade no campus, consistirá nunha charla de trinta minutos impartida por investigadores invitados ou da propia agrupación, presentada nun ton divulgativo, e seguida dun debate aberto que terá como colofón un xantar lixeiro que favoreza, nun ton informal, o intercambio de ideas e as futuras colaboracións.