Minerais contra o cancro, o proxecto que nutre a vida
Da mesma forma que un vehículo precisa de combustible para desprazarse, o noso organismo tamén require a presenza de certos elementos ben importantes para garantir o seu correcto funcionamento. A formación dos ósos, a cicatrización de feridas ou a regulación do crecemento e dos niveis de azucre no sangue son algúns exemplos dos procesos fisiolóxicos e bioquímicos nos que actúan estes nutrientes esenciais: os microminerais.
O grupo de investigación en Medicina Animal (IMedA) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) veñen de poñer o seu foco nestes elementos ao abeiro do proxecto “Minerais contra o cancro”.
Esta iniciativa de ciencia solidaria vai na procura de investigar fondamente o potencial cometido que poden desenvolver os microminerais nos doentes oncolóxicos da provincia de Lugo. Neste senso, está comprobada a existencia dunha estreita relación entre algunhas deficiencias minerais e certos tumores, como é o caso do selenio nos de mama e próstata.
Con esta proba baixo o microscopio, o seu fin primordial é determinar a súa posible incidencia nalgúns tipos de tumores e analizar se o seu emprego como suplemento complementario da quimioterapia e radioterapia contribúe na mellora do seu prognóstico.
Para que esta acción colla certo impulso é necesario o combustible, cuxo ingrediente principal é a participación da cidadanía luguesa. Por unha banda, coa doazón de mostras de sangue destinadas ao estudo dos niveis basais que presenta a poboación sa da provincia de Lugo. E, pola outra, co apoio económico para custear as análises de minerais a través da plataforma de micromecenado Precipita, da Fecyt.
De feito, a colaboración é un dos aspectos máis relevantes deste traballo de I+D que forma parte da tese de doutoramento que está a desenvolver Inés Rivas Fernández. Deste xeito, á implicación do persoal docente e investigador tanto do Campus Terra como do HULA hai que engadir a recente achega de 1.500 euros que vén de realizar a asociación luguesa Somos Unidos contra o Cancro.
E é que na loita contra calquera doenza a suma de esforzos é un aspecto chave, así como un dos principais motores que lle permiten ao Campus Terra avanzar polo camiño das grandes investigacións.