Pasar al contenido principal

Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía, obxecto de análise o luns 11 de febreiro na EPS de Enxeñaría

Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía, obxecto de análise o luns 11 de febreiro na EPS de Enxeñaría
Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía, obxecto de análise o luns 11 de febreiro na EPS de Enxeñaría
A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Ana Isabel García Arias, modera en representación da Comisión de Igualdade de Xénero deste centro a mesa redonda ‘Visibilizando...
Lugo

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Ana Isabel García Arias, modera en representación da Comisión de Igualdade de Xénero deste centro a mesa redonda ‘Visibilizando referentes, promovendo vocacións femininas’ que forma parte da xornada ‘Mulleres, Ciencia e Tecnoloxía’ que terá lugar na sala de xuntas da EPSE o luns 11 de febreiro, a partir das 10.00h, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 

Esta mesa redonda estará integrada por mulleres de recoñecido prestixio nos seus respectivos eidos de actuación, tal é o caso de María Isabel Fernández García, pertencente ao Departamento de Química Inorgánica da USC; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC; e Ana Jesús López Díaz, presidenta de AMIT-Gal.

 

Co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais de para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento do xénero feminino, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

 

Este evento de carácter científico servirá asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do Campus Terra para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil científico-técnico e que se desenvolverá baixo o título ‘Protagonistas, as enxeñeiras’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.