Pasar al contenido principal

O peixe, a exame no Campus Terra tras saír do conxelador

O peixe, a exame no Campus Terra tras saír do conxelador
O peixe, a exame no Campus Terra tras saír do conxelador
Unha tese desenvolvida na Facultade de Ciencias valida un método sensorial para avaliar o estado e a vida útil de especies de peixe desconxelado de interese comercial
Lugo

Ao longo da túa vida seguro que escoitaches máis dunha vez que logo de desconxelar un alimento hai que consumilo en pouco tempo... pero canto é pouco? Hai algúns produtos que son moito máis delicados e susceptibles de estragarse con facilidade, e un deles é o peixe.

 

Ao redor deste animal rema a tese de doutoramento de Mar López García titulada “Pescado conxelado: desenvolvemento e aplicación do Método do Índice de Calidade (QIM) a diferentes especies e estudo de hábitos de compra e consumo”. Este traballo de investigación, dirixido polos docentes Ángeles Romero, Lourdes Vázquez e Luis Ramil, vén de ser presentado na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC.

 

No seu estudo esta enxeñeira agrónoma desenvolve un sistema de análise sensorial baseado nos esquemas do método QIM co que é posible estimar a vida útil do peixe desconxelado. En concreto, este método céntrase nas especies que presentan un maior interese comercial e son capturadas polos buques conxeladores de Galicia.

 

Igualmente, a investigadora achega coa súa tese novas ferramentas que tamén serven para avaliar o deterioro das características organolépticas segundo a cantidade de tempo que permanece almacenado a temperaturas de refrixeración. Neste senso, as cifras varían en función da especie da que se trate e da súa forma de presentación.

 

Por outra banda, o seu traballo tamén aborda unha liña complementaria de investigación sobre o estudo dos hábitos de compra e consumo de produtos pesqueiros frescos, conxelados e desconxelados entre a poboación, e a vinculación destes comportamentos con factores socioeconómicos e demográficos. Nela, sinala o descoñecemento de antemán desta situación por parte da metade das persoas que mercan e consumen este tipo de produtos.

 

Aínda que o peixe perde as súas propiedades unha vez desconxelado, non aconteceu o mesmo coa tese de doutoramento de Mar López pois, unha vez presentada e avaliada polo tribunal, obtivo a máxima cualificación. Non hai dúbidas de que esta boa nota tamén o é para o mar polo que navegan as grandes investigacións do Campus Terra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.