Preto de 300 alumnos/as preuniversitarios/as participan nunha nova edición dos ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’
O Auditorio da Facultade de Veterinaria acolleu este xoves 7 de marzo unha nova edición dos ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’, organizados polo ‘Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, na que preto de 300 alumnos e alumnas preuniversitarias puideron coñecer de primeira man os distintos itinerarios formativos que poden cursarse no campus da Universidade de Santiago de Compostela situado na cidade de Lugo.
A vicerreitora de Coordinación do campus, Montserrat Valcárcel Armesto, e o coordinador do ‘Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ no Campus Terra, Francisco Javier López González, recibiron aos mozos e mozas procedentes de seis centros da provincia de Lugo e un de A Coruña.
O CIFP As Mercedes de Lugo, CPI Dr. López Suárez de Friol, CPI Luis Díaz Moreno de Baralla, CPI Pecalama de Tordoia, IES da Terra Cha-José Trapero Pardo de Castro, así como os IES Sanxillao e Lucus Augusti de Lugo, integraron unha nova edición dos ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’ nos que os mozos e mozas visitaron, de acordo cos seus intereses e preferencias, os distintos centros que integran o Campus Terra. O vindeiro 12 de abril outros sete centros visitarán de novo o Campus Terra de Lugo.